Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago celebrará o vindeiro 18 de xuño un taller sobre a xestión dos negocios comerciais no Concello de Melide

Encarnación Juncal, relatora:

“Os comerciantes experimentan con novos espazos de venda como os showroom, os pop ups ou markets para achegar os seus produtos aos clientes sen ter que esperar a que entren pola porta”     

Esta iniciativa forma parte do Plan Integral de Apoio á Competitividade do Comercio Minorista 2015

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela inicia as actividades incluídas dentro do Plan Integral de Apoio á Competitividade do Comercio Minorista 2015, un programa do Ministerio de Economía posto en marcha en colaboración coa Cámara de España e o financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Esta iniciativa, que se celebra por terceiro ano consecutivo na Cámara compostelá, persegue o fomento da innovación empresarial, a modernización do punto de venda, o impulso á capacitación do empresariado e a promoción do turismo de compras.

Para dar a coñecer o programa entre os empresarios da comarca de Melide, a entidade organizará un taller informativo sobre a xestión do comercio no Concello de Melide o vindeiro 18 de xuño, entre as 16:00 e as 20:00 horas. Este seminario, que estará impartido pola profesional do interiorismo, merchandising e escaparatismo de grandes firmas comerciais Encarnación Juncal, tratará de explicar aos asistentes como posicionar e mobilizar con éxito un negocio. Os interesados poderán participar neste taller de carácter gratuíto realizando unha inscrición previa: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&P=230&ncurso=3712015#.VXF4dUa5g2o.

Encarnación Juncal sinala que para posicionar e mobilizar un negocio o comerciante debe saber “en que punto de partida está, cal é a súa saúde, coñecer o ADN da súa empresa, darlle un valor de marca e comezar a trazar unha estratexia de marketing axeitada aos seus desexos”.

Para atraer a novos clientes, Juncal apunta que o comerciante debe lembrar que o mercado mudou e evolucionou nos últimos anos. “Cada vez os clientes están máis e mellor informados, son máis cosmopolitas e coas formas e necesidades modificadas grazas ás novas tecnoloxías” –indica–. Así, a experta explica que é preciso para os comercios crear unha imaxe corporativa “única”, modernizar os sistemas de xestión ata usar un “plus de entretenemento” e crear sinerxías entre a venda on e a off line para fidelizar fans aos negocios e crear un novo target.

Novas tecnoloxías e redes sociais para o comercio on line

Entre as novas técnicas de venda destaca o sistema on line. Encarnación Juncal comenta que para introducir a venda electrónica nun comercio, o propietario debe asumir a responsabilidade en canto ao uso das novas tecnoloxías e redes sociais para a súa promoción, dedicando tempo para unha óptima realización e mantendo a venda viva diariamente. “O comerciante crea unha nova experiencia de compra para os usuarios, ofrecendo promocións, tarifas planas pola compra de produtos ou bonos para coñecer o espazo comercial físico” –argumenta–.

Coas novas técnicas de venda créanse conceptos comerciais adaptados á nova sociedade, as smart shops e espazos ecoeficientes. “Os comerciantes poden experimentar con novos espazos de venda como os showroom, os pop ups ou markets para achegar os seus produtos ao cliente sen ter que esperar a que entre pola porta” –sinala a experta–.

O taller, ademais de contar cunha introdución teórica, terá unha extensa sesión práctica con numerosos exemplos de firmas que evolucionaron nos últimos tempos, como Amichi, Ulanka ou Naos que realizan novos conceptos de stores para crear unha nova experiencia de compra, onde o branding sensorial e sa redes sociais xogan un papel moi importante.