Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago ofrece un taller sobre a fidelización de clientes no comercio e o turismo de compras o vindeiro 17 de xuño

O experto Josép Moreno considera clave o asociacionismo entre comerciantes para “consolidar focos de atracción, como os centros comerciais abertos ou pechados, os mercados de abastos e os outlets villages”

Esta iniciativa forma parte do Plan Integral de Apoio á Competitividade do Comercio Minorista 2015

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela inicia as actividades incluídas dentro do Plan Integral de Apoio á Competitividade do Comercio Minorista 2015, creado polo Ministerio de Economía, en colaboración coa Cámara de España e o financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Esta iniciativa, que se celebra por terceiro ano consecutivo na Cámara compostelá, persegue o fomento da innovación empresarial, a modernización do punto de venda, o impulso á capacitación do empresariado e a promoción do turismo de compras.

Para dar a coñecer o programa entre os empresarios de Santiago, a entidade organizará un taller informativo sobre o turismo de compras na súa sede de San Pedro de Mezonzo o vindeiro 17 de xuño, entre as 18:00 e as 22:00 horas. Este seminario, que estará impartido polo experto en formación para o comerciante e presidente do Grupo Empresarial Ingenio, Josép Moreno, tratará de explicar aos asistentes como empregar o servizo de atención ao cliente como clave estratéxica para a fidelización no comercio e o fomento do turismo de compras. Os interesados poderán participar neste taller de carácter gratuíto realizando unha inscrición previa: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&P=230&ncurso=3612015#.VXF4TUa5g2o.

Santiago, cidade de comercio

O experto destaca que para alcanzar a fidelidade entre os clientes, o comerciante debe ofrecer sinxelamente “máis valor engadido ao produto e ao establecemento” para conseguir diferenciación cos competidores e fomentar o desexo de curiosidade, ademais de crear dependencia. E para mellorar a atención ao cliente, Josép Moreno sinala que se deben escoitar as súas necesidades, vendendo, ademais dos atributos do produto, os seus beneficios e utilidades.

En relación ao turismo de compras, Josép Moreno sinala o potencial de Santiago de Compostela como cidade monumental e foco de atracción turística e comercial. Na súa opinión, os comerciantes santiagueses de xeito individual poden aportar o seu grao de area para contribuír a consolidar unha boa imaxe como “cidade de comercio”.

Josép Moreno indica que para tratar de fidelizar ao cliente, o comerciante ten que usar as mesmas técnicas de atracción comercial e turística destinadas a un público consumidor que entenda que o “shopping forma parte do ocio e é de interese xeral para consumidores locales e foráneos, nacionais ou estranxeiros”.

“De forma colectiva –apunta Moreno–, os comerciantes asociados poden constituír os verdadeiros eixos comerciais da cidade na súa ruta turística, e consolidar focos de atracción comercial, como os centros comerciais abertos ou pechados, os mercados de abastos, ou no extrarradio, os outlets villages” –matiza o experto–.

O auxe dos cruceiristas

E por último, Moreno lembra que coa chegada dos cruceiros á A Coruña e Vigo, aumenta a chegada de turistas a Santiago. Neste punto, Moreno considera que os comerciantes deberían estar informados destas visitas masivas á cidade para someterse e adaptarse aos días e horarios dos cruceiros para que o turista e potencial comprador non atope os establecementos pechados.