Inicio

A Cámara de Comercio colabora nun catálogo europeo de ferramentas 2.0 para facilitar a autónomos e pemes o acceso á internacionalización e innovación a baixo custo

Formadores de Santiago viaxarán en xuño a Eslovenia para profundar no manexo destes recursos interactivos

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela participou este mes de maio nunha reunión de traballo en Lituania do proxecto Entrepreneur 2.0, cofinanciado polo programa Leonardo da Vinci da Unión Europea. O proxecto céntrase en abrir o emprendemento en Europa por medio das ferramentas 2.0 e os servizos da nube. O seu obxecto é aproveitar as actuais ferramentas da web 2.0 e fixar unhas bases para o éxito empresarial, ofrecéndolles axuda na súa saída ao exterior mediante a equipación e dotación con habilidades e capacidades para o manexo de ferramentas interactivas.

O proxecto, que se estenderá ata xullo de 2015, está dirixido a desempregados, emprendedores, autónomos, pemes e micropemes de países europeos que queren afrontan a crise actual e converterse en empresarios de nova xeración, capaces de usar as tecnoloxías do contorno dixital para potenciar os seus produtos e servizos nos mercados situados fóra das súas fronteiras.

A reunión de pilotaxe en Lituania contou coa asistencia de vinte representantes de todos os países socios e colaboradores como son Grecia, Turquía, República Checa, Irlanda, Eslovenia, Lituania, ademais da Cámara de Comercio de Santiago.

O programa e axenda da reunión comezou cunha recepción oficial na Biblioteca Nacional de Lituania. Nesta sexta reunión do proxecto, os socios elaboraron un catálogo de servizos e ferramentas baseados na web 2.0 e na nube para facilitar a autónomos, pemes e micropemes o acceso á internacionalización e innovación a baixo custo. O catálogo será o itinerario formativo que usarán os emprendedores para a súa formación online.

O catálogo presentarase a finais de ano na Cámara de Comercio de Santiago

Esta ferramenta estará especializada nas áreas de marketing de correo electrónico, de páxina web, de social media, asesoramento e apoio empresarial, xestión financeira, asesoramento legal, xestión da relación co cliente, intelixencia empresarial, ferramentas colaborativas, produtividade, aprendizaxe online e contratación externa. O documento presentarase aos empresarios da demarcación a finais de ano nunha xornada organizada na Cámara de Santiago.

A seguinte e última reunión de traballo, coa que se fará o peche do proxecto a nivel transnacional, celebrarase no mes de xuño en Eslovenia. Nela participarán distintos consultores e formadores de Santiago que se atopan en proceso de formación nas ferramentas e na metodoloxía do programa. A finalidade deste encontro será validar e certificar aos profesores e mentores formados nas ferramentas para impartir a formación aos futuros alumnos nun próximo proxecto que incluirá de xeito gratuíto esta formación –presencial e virtual– para autónomos, emprendedores, micropemes e pemes da demarcación da Cámara, cun completo programa de apoio e soporte engadido á formación.