Inicio

O reitor da USC, Juan Viaño, destacou na Cámara de Comercio que a institución asina máis de 1.500 convenios ou contratos anuais con empresas

O presidente da entidade, Jesús Asorey, indicou na presentación que a Cámara “sempre estivo do lado” da súa universidade, realizando actividades conxuntas de formación e emprendemento

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrou hoxe unha conferencia a cargo do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño, titulada “A iteración sucesiva na Universidade”. O presidente da Cámara compostelá, Jesús Asorey, foi o encargado de inaugurar un acto ao que asistiron representantes políticos, empresariais de Galicia e membros da universidade compostelá.

Jesús Asorey destacou o “respaldo activo” e prolongado no tempo que sempre amosa a Cámara ao progreso da cidade e ás súas institucións. Da USC, o presidente cameral indicou que é unha institución senlleira sen a que non se concibe Santiago de Compostela. Asorey lembrou que a Cámara de Comercio sempre estivo do lado da Universidade, realizando actividades de formación e emprendemento conxuntamente, e explicou ao reitor o desexo de continuar con esta colaboración.

Visión matemática da Universidade de Santiago

Juan Viaño trasladou ao público as súas preocupacións, opinións e actuacións como reitor da USC. Desde a óptica da iteración sucesiva, unha fórmula de paciencia, estratexia e imaxinación aplicada a mediados dos anos cincuenta para dispoñer dunha solución aproximada e resolver problemas, explicou como pretende facer fronte aos problemas “complexos, múltiples e graves” da universidade.

Para analizar a situación actual da universidade, Viaño falou sobre a función social da institución nunha cidade como Santiago de Compostela. “A USC nace hai cincocentos anos pola necesidade de formar aos nosos rapaces e rapazas para que sexan bos profesionais e para que a sociedade vaia avanzando na cultura e tecnoloxía, e en definitiva no seu benestar” –relatou–.

Incidiu tamén o reitor na obriga de desterrar o mito de que a universidade é “unha fábrica de parados, ás costas do tecido industrial e empresarial”. Na actualidade, a USC asina máis de 1.500 contratos e convenios anuais con empresas heteroxéneas que axudan a formar aos estudantes a través do sistema de prácticas, mercan as patentes, buscan á universidade para a innovación no seu negocio ou mesmo se converten en mecenas do proxecto universitario.

Enerxías renovables, modelización computacional e de mercados financeiros, xestión da innovación e bioprocesos, entre as áreas de maior especialización

Segundo Viaño, a percepción social da universidade e do estudantado tamén debe variar para borrar a crenza de que estar ben formado é “un problema para atopar un posto de traballo”. Nese afán de ir cos tempos, Viaño destacou que a USC, ademais de manter titulacións tradicionais, pero aínda demandadas como Medicina ou Dereito, está a especializar a súa oferta docente con outros graos e másteres universitarios capaces de resolver demandas puntuais de formación dun xeito áxil e complexo. Algunhas destas opcións formativas, xurdidas para atender as necesidades actuais do tecido produtivo, son sobre enerxías renovables, modelización computacional e de mercados financeiros, xestión da innovación ou bioprocesos.

Xa na función de creación de coñecemento, o reitor explicou que a USC inviste cada ano máis de 115 millóns de euros en investigación, facturando preto de 50 millóns de euros anuais e cubrindo o restante con financiamento público. Igualmente sucede coa formación, estandarte de responsabilidade pública. Viaño sinalou que para formar aos vinte e cinco mil estudantes da USC precísanse máis de 100 millóns de euros anuais, un 20 por cento asumido polos alumnos e o resto polo Estado a través das súas Comunidades autónomas.
 
E neste punto, Viaño fixo fincapé na situación financeira da universidade, cun déficit de catorce millóns de euros e unha débeda que rolda os 50 millóns de euros. “Falar de déficit quere dicir falar de retrasos nos pagos a provedores, de certa desconfianza nos nosos acredores e de inquedanza na sociedade, estudantes e traballadores” –apuntou–.

Eliminación da débeda en vinte anos

O obxecto é acadar unha situación de solvencia económica. O primeiro paso dado pola nova reitoría foi redactar un Plan Económico-Financeiro de Equilibrio para  a busca de credibilidade ante a Xunta de Galicia, as empresas e os alumnos. “Deseñamos unha estratexia para buscar unha solución do déficit en cinco anos e a eliminación da débeda en vinte anos” –relatou–. Para alcanzar estas previsións, Viaño salientou que está prevista a venda de parte do patrimonio da universidade, como é o Vello Hospital de Galeras, ademais do aumento da captación de estudantes no estranxeiro  a través dun plan de internacionalización “ambicioso” e a realización de acordos estratéxicos, como o pechado recentemente pola Facultade de Medicina e as Universidades de Vigo e A Coruña.

Para alcanzar un futuro mellor, Viaño cre necesario modificar a estrutura da universidade, con mecanismos como a implementación da desburocratización e novos modelos organizativos. Ao seu parecer o máis importante é a especialización temática, como xa se fixo coa creación do Campus Vida e a súa catalogación como Campus de Excelencia Internacional. O seguinte paso será dar forma ao proxecto do Campus Terra en Lugo ou o Campus da Cidadanía en Compostela.