Inicio

A Cámara de Comercio guía o nacemento de vinte e dous proxectos ligados aos sectores da construción, aplicacións móbiles, dispositivos médicos, téxtil e nupcial ou exportacións comerciais

Jesús Asorey, presidente:

“Hai que acollerse aos valores tradicionais do esforzo e entusiasmo, pero incorporando unha formación rigorosa e esixente que axude a triunfar aos emprendedores nun mercado global e competitivo”

O programa de creación e consolidación de empresas, que conta co apoio da Consellería de Traballo, a Fundación Incyde e o Fondo Social Europeo, celebrarase no viveiro de Costa Vella ata o 10 de xullo

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa, 40) acolleu hoxe a presentación do Programa de Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego, que se celebrará ata o vindeiro 10 de xullo. Esta acción formativa organízase en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a Fundación Incyde (Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa) e o Fondo Social Europeo. Ao acto de inauguración asistiron o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, a directora Xeral de Traballo, Carmen Bouso, o director de Proyectos da Fundación Incyde, Óscar Fraile, e o secretario cameral, Fernando Barros.

O obxecto do programa é proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais dunha compañía para poder determinar oportunidades de mercano e desenvolver un plan de empresa. A elaboración deta guía de mellora da peme servirá aos emprendedores como medio de argumentación da súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras.

A iniciativa está dirixida fundamentalmente a persoas con iniciativas emprendedoras que necesiten coñecer a viabilidade da súa idea de negocio e adquirir os coñecementos necesarios que lles permitan poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ou ben empresarios que queiran facer rendible e mellorar a competitividade da  súa empresa. Participarán un total de vinte e seis alumnos que desenvolverán catorce proxectos de creación e oito de consolidación empresarial, centrados nos sectores da construción, química, aplicacións móbiles, dispositivos médicos, sector nupcial, téxtil, servizos web, exportación comercial, recursos humanos, gastronomía ou mesmo servizos xurídicos.

Jesús Asorey asegurou que este programa do viveiro, unha incubadora empresarial con experiencia acreditada de máis de dez anos, axudará aos emprendedores a “darlle forma aos seus proxectos, visualizar as diferentes trazas do negocio e configuralo cos coñecementos adquiridos”.

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago indicou que o fundamenteal para alcanzar o éxito para os recén chegados ao mundo empresarial é ter un plan de negocios axeitado, loitar coas entidades financeiras á hora de lograr crédito e, como non, o control dos custos. “Se imprimides rigor desde o principio, teredes excelencia e calidade ao final da aventura empresarial. Trala crise económica, os emprendedores deben volver aos valores tradicionais do esforzo e entusiasmo, pero incorporando unha formación rigorosa e esixente que os axude a triunfar nun mercado global e competitivo” –manifestou–.

O programa está deseñado cunha metodoloxía teórico-práctica, que se impartirá en sesións de formación xenérica e conxunta e a través de clases específicas e á medida durante unha consultoría semanal e individualizada, coa axuda dun equipo de profesionais con ampla experiencia docente e homologados polo Incyde como formadores. Durante as oito semanas da formación, os alumnos recibirán nocións sobre dirección de proxectos, marketing, promoción e comercialización, creatividad, innovación e transferencia de tecnoloxía, xestión da información e manexo de redes sociais, xestión xurídica e financeira, prevención de riscos laborais e calidade medioambiental.