Inicio

A Cámara de Comercio publica un libro dos actos conmemorativos do seu 125 aniversario que repasa a súa historia recente

O presidente aposta por unha presenza “activa” da entidade a favor das pequenas e medianas empresas e reclama o respaldo do empresariado e as institucións da demarcación

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela presentou hoxe a publicación “125 años da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela”, creada en colaboración co Concello de Santiago e ABANCA e deseñada pola editorial Bolanda Ediciones y Marketing. Ao acto de presentación asistiron o presidente cameral, Jesús Asorey; o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; o director Territorial de ABANCA, Juan Carlos Carneiro; o director de Institucións de ABANCA, Lino Comesaña; un representante de Bolanda Ediciones y Marketing, Tomás Valín; o ex presidente da Cámara, Segundo Hevia; e o secretario xeral da entidade, Fernando Barros.

A Cámara de Comercio de Santiago conmemorou o pasado ano o 125 aniversario da institución, centrada en velar polos intereses xerais das empresas instaladas en calquera dos treinta e dous concellos da súa demarcación cameral. Jesús Asorey explicou que esta publicación ven a poñer o “broche final” aos actos conmemorativos do 125 aniversario da Cámara de Comercio, unha institución de “referencia” para as empresas de Santiago de Compostela e a súa área de influencia. “É un resumo dos 125 anos de historia da Cámara e unha homenaxe á xente que desde a súa constitución ata a actualidade participaron da institución. Conformouse como unha pequena historia das encomendas que a entidade loitou para conseguir na cidade de Santiago e no seu ámbito. É unha ollada ao pasado pero tamén ao futuro” –manifestou–.

Con motivo desta efeméride, a Cámara organizou en 2014 un ciclo de conferencias no que participaron personalidades relevantes da realidade económico-financeira de Galicia, como o xornalista e director de ABC, Bieito Rubido, o vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet, o director xeral de SabadellGallego, Pablo Junceda, ou mesmo o alcalde de Santiago, Agustín Hernández.

Interese polos asuntos estratéxicos da demarcación

O libro describe en 155 páxinas as principais actividades desenvoltas pola Cámara de Comercio de Santiago desde o seu nacemento en 1889. A publicación fai unha breve análise da historia das Cámaras de Comercio en Galicia, e en concreto, da demarcación compostelá aportando material fotográfico antigo que abarca desde a súa fundación á Guerra Civil (1889-1936), da Dictadura ao centenario (1936-1989), e recolle o tránsito ao século XXI e os retos de futuro, ademais dunha glosa de todos os empresarios que ocuparon o posto de presidente da Cámara de Comercio de Santiago. A documentación acompáñase con fotografías de prensa dos fotógrafos Santi Alvite, César Martínez, Xaquín Novoa, Per Rueda e Miguel Muñiz.

Jesús Asorey destacou o traballo continuado da entidade para ofrecer os mellores servizos ás empresas, facendo fincapé na creación da Oficina de Tráfico, o Rexistro Mercantil, o Servizo de Inspección Fitosanitaria e a Escola de Idiomas. E desde a sede central de San Pedro de Mezonzo, e a través da incubadora empresarial de Costa Vella e da Antena Local de Boiro, o presidente sinalou que a Cámara seguirá presente nos acontecementos estratéxicos da súa demarcación, involucrándose en temas prioritarios como “a posta en marcha da Cidade da Cultura, a promoción do aeroporto de Lavacolla ou a aposta pola estación intermodal de Compostela”.

Ademais, Asorey manifestou que o traballo dos últimos 125 anos terá a súa continuidade no futuro cunha presenza “activa” da Cámara de Comercio no ámbito empresarial e ao servizo das pequenas e medianas empresas, ofrecéndolles servizos profesionais de internacionalización, innovación, formación e creación de empresas. “Reclamamos a atención expresa do entramado empresarial e institucional do noso contorno para poder seguir apoiando e loitando polo crecemento das pequenas e medianas empresas. O apoio social das grandes empresas é esencial para que repercuta nas pemes” –indicou–.

Enraizamento no territorio

Como entidade enraizada no territorio, Agustín Hernández resaltou o traballo da Cámara no “apoio directo ás empresas, aliada na interlocución co sector público  para a mellora de infraestruturas e equipamentos e promotora de medidas para a reactivación económica”. O alcalde recoñeceu así a traxectoria da Cámara de Comercio e o traballo continuo para “o ben de Santiago”.

Juan Carlos Carneiro sinalou o “amplísimo” labor desempeñado pola Cámara de Comercio nestes 125 anos, actuando como un motor económico –potente, dinámico e fructífero– de Santiago. O representante de ABANCA mencionou o servizo da Cámara a favor do comercio, os autónomos e empresarios da demarcación, con pegada en toda Galicia, e fomentando o incremento dunha actividade económica de “calidade e cantidade”. Ademais, Carneiro reiterou o interese da súa entidade en colaborar coa Cámara de Comercio para o xurdimento de proxectos empresariais e o apoio ao viveiro de empresas.

Pola súa parte, Tomás Valín destacou que esta edición histórica reflicte a vida económica, empresarial e social do Concello de Santiago e a súa área e sinalou o papel da Cámara como entidade que “cre e aposta pola súa demarcación”. En relación á publicación, Valín explicou que se elaborou seguindo unha liña de deseño “moderna”, fiel á imaxe da institución, cun contido e fotografías de valor “emocional e documental”.