Inicio

A economía do Barbanza rexistra un índice de confianza empresarial inferior á media galega

O sector da construción experiementa unha “leve” melloría, aínda que continúa en valores negativos

O Observatorio Económico da Antena Local da Cámara de Comercio presenta un novo indicador, realizado con 1.037 enquisas a empresas de Boiro, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela presenta o Indicador de Confianza Empresarial (ICE) da Comarca do Barbanza correspondente ao primeiro trimestre de 2015, realizado a través de enquisas a 1.037 empresas dos municipios de Boiro, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son.

O ICE Barbanza é un informe que reflicte a situación do último trimestre e as expectativas para o seguinte período nos sectores da construción, industria, comercio, hostalería e sector servizos. Nesta ocasión, o indicador de confianza empresarial sitúase en –6,9 puntos, un valor negativo similar á cifra alcanzada no trimestre anterior.
 
En canto ao índice de situación que se extrae do informe, as cifras mostran que o primeiro trimestre de 2015 continúa a ofrecer un saldo negativo, con –9,8 puntos, corresponde ás expectativas claramente negativas marcadas no trimestre anterior con –6 puntos. O mesmo sucede co índice de expectativas do empresario para o segundo trimestre de 2015, que se establece en –4,1 puntos, unha cifra algo superior á do período anterior.

A continuación exponse un desglose por situación e expectativas:
- ICE: –6,9 (–7,4 no período anterior)
- Índice de Situación: –9,8 (–6 no período anterior)
- Índice de Expectativas: –4,1 (–8,8 no período anterior)

O pesimismo xeralizado alcanza a todos os sectores obxecto de estudo, con cifras negativas en situación e expectativas. Polo tanto, a confianza empresarial presenta tamén cifras negativas en todos os niveis de produción. En concreto, o sector da construción continúa cunha tendencia marcada polo negativismo, alcanzando novamente os valores máis baixos de todos os sectores testados, pero experimentando unha “leve melloría”. A pesar dos resultados á baixa en todos os sectores, dentro da franxa de valores negativos, as cifras presentan un “leve repunte”  respecto ao último trimestre de 2014.

Dos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para o primeiro e segundo trimestre de 2015 na Comunidade Autónoma de Galicia, obtense unha comparativa das opinións respecto á situación e ás expectativas a nivel nacional, Galicia e Barbanza.  Sobre a situación no primeiro trimestre do ano, esta comparativa indica que un 16,2% das empresas españolas amosa unha opinión favorable da súa situación económica, un 56% opina que a súa situación é estable e un 27,8% ofrece unha opinión pesimista. A nivel Galicia, un 12,8% das empresas son optimistas, un 55,4% teñen opinións normais e un 31,8% son pesimistas. Segundo estes datos, o 9,2% das empresas do Barbanza amosan optimismo, un 47,2% sosteñen opinións lineais e un 43,6% son negativas ante a situación económica actual.

O ICE, que é froito do traballo dos técnicos do Observatorio Económico da Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago, analiza trimestralmente as perspectivas das sociedades a partir da cifra de negocio, emprego, prezos, investimento e exportacións. Úsanse dous baremos: o Índice de Situación (que se refire á confianza actual do empresariado) e o Índice de Expectativas (que se refire á confianza do empresariado para o seguinte trimestre). Os dous oscilan entre –100 e +100, de tal forma que os valores positivos indican avances, mentres que os negativos sinalan retroceso da actividade.

O programa Antenas está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Cámara de Comercio de Santiago e o Concello de Boiro.