Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago impartirá varios cursos dirixidos ao sector comercial no mes de abril

Celebraranse sesións sobre comercio electrónico e formación de personal shopper

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela ofrecerá este mes de abril unha ampla oferta de cursos formativos demandados actualmente polas empresas da demarcación cameral, sobre xestión comercial e financeira e cursos de fiscalidade e informática.

O primeiro curso versará sobre “Como xestionar unha tenda online”. Impartirase nas aulas de formación da Cámara de Comercio entre os días 13 e 17 de abril, en horario de 16:00 a 22:00 horas. O programa do curso está orientado a que os alumnos aprendan a desenvolver unha canle de venda online que lles permita acceder a máis clientes potenciais grazas a unha maior cobertura xeográfica. O obxecto é adquirir coñecementos e destrezas suficientes para que o alumnado poida porse ao fronte do seu proxecto de comercio electrónico.

A seguinte cita será coas finanzas. A Cámara de Comercio organiza entre os días 20 e 24 de abril un curso de “Finanzas para non financeiros”, que se impartirá de 20:00 a 22:00 horas. O fin desta acción formativa é aportar os coñecementos financeiros necesarios para interpretar a documentación financeria e contable dunha empresa e  poder tomar as decisións máis axeitadas para ter un “control e xestión do ámbito financeiro do negocio”. Está dirixido a directivos, empregados e profesionais en xeral que proceden doutras áreas técnicas ou de xestión da empresa, diferentes á financeira. Tamén está enfocado a recén graduados en campos técnicos que desexen entender mellor os conceptos de xestión empresarial e a linguaxe dos negocios.

Para profundar na captación de clientes, a Cámara de Comercio compostelá preparou un curso para coñecer mellor as estratexias, técnicas e disciplinas que permitirán ao alumno conquistar clientes cualificados e lograr a súa fidelidade. Impartirase entre os días 20 e 23 de abril en horario de 20:00 a 22:00 horas. Está dirixido a persoal administrativo, de departamentos de vendas, calidade, marketing ou atención ao cliente.

Unha acción destacada da programación formativa da Cámara é o curso de personal shopper, que se celebrará nas aulas formativas entre os días 20 e 24 de abril, en horario de 18:00 a 22:00 horas. A súa finalidade será que os alumnos poidan adquirir coñecementos de colorimetría, tendencias e adecuación ao cliente, análise de estilo persoal, fondo de armario e o protocolo no vestir. En definitiva, o curso está dirixido a persoas que desexen facer da moda a súa profesión, ou a responsables do sector téxtil que queiran perfeccionar o seu labor como asesores de moda nos seus establecementos.

Outras accións formativas do mes de abril serán o curso de “Novedades fiscais de 2015: IRPF e sociedades”, que se impartirá os días 21 e 22 entre as 9:00 e as 14:00 horas; o curso de elaboración de presentacións con Power Point e Prezi, que se celebrará entre os días 27 de abril e 7 de maio, en horario de 20:00 a 22:00 horas; e o curso sobre como motivar ao persoal na empresa, que terá lugar os días 28 e 29 de abril, en horario de 19:00 a 22.00 horas.

Política de descontos

Para mellorar esta proposta formativa, a Cámara de Comercio de Santiago deseña unha formación “in company” con programas específicos creados á medida de cada empresa. A isto súmase a política de descontos da entidade: un 20% para empresas asociadas á Cámara e un 10% ás matrículas anticipadas presentando a documentación pertinente dez días antes do inicio do curso (descontos non acumulables).

Estes cursos son completamente bonificables a través do crédito formativo da Fundación Tripartita. En concreto, as empresas asociadas á Cámara de Comercio terán a xestión gratuíta do crédito que a súa entidade ten dispoñible para formación. E ademais, as empresas que matriculen traballadores nesta formación terán bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social.


Información e inscricións:
http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&p=210#.VP8QFuGCM2o