Inicio

O Foro Cívico Empresarial demanda o maior respaldo económico “posible” para a Universidade de Santiago de Compostela

O reitor, Juan Viaño, que asistiu a un encontro coa agrupación social e profesional, reivindica que se teña en conta a produción científica da USC no novo plan plurianual de financiamento

O Foro Cívico Empresarial acolleu este mércores a visita do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, onde explicou a situación actual da entidade académica. Viaño, que se revelou como un “firme defensor” do sistema público, fixo un repaso histórico da evolución da universidade española e, particularmente, da compostelá durante dúas horas de charla-coloquio na sesión que se celebrou na Cámara de Comercio.

O reitor dixo que o 70 por cento da investigación que se fai en España sae da universidade, e engadiu que desde 2008 os recursos públicos caeron nun 25 por cento aproximadamente. As principais magnitudes da USC son 26.000 estudantes, 2.200 docentes e 1.100 PAS (persoal de administración e servizos) e 200 millóns de euros de orzamento anual. Viaño expresou a súa preocupación pola reposición de profesorado, “xa que se están a xubilar entre corenta e cincuenta docentes cada ano, unha tendenza que se manterá nos vindeiros cursos”. A media de idade dos profesores está en 54 anos.

En relación ao plan de financiamento 2016-2020 que está a elaborar a Xunta de Galicia coas tres universidades, o reitor santiagués reclama para si uns presupostos públicos “acordes non só co 42 por cento do seu alumnado, senón tamén co 61 por cento da súa producción científica”, segundo advirte. En relación á débeda acumulada, explicou que se debeu a que había partidas moi importantes de fondos europeos que precisaron aproveitarse para dar un “salto de calidade coa creación do campus de excelencia internacional no ámbito da biomedicina: Que seríamos agora –inquiriu– se non tivesemos o Campus Vida?”. E suliñou que Santiago posúe investigadores e grupos de primeiro nivel en todos os eidos “que cómpre protexer”. Por outra parte, destacou que a media dos titulados universitarios en paro é do 10 por cento, mentres que a cifra xeral de desemprego supera o 20 por cento. “Por tanto –concluíu– os títulos universitarios seguen tendo un valor superior no mercado laboral, de aí que a sociedade e a Administración deban velar polo ensino público”.

Os integrantes do Foro, que agradeceron as explicacións do reitor, pedíronlle que se faga “máis visible” a súa potencia investigadora, capacidade docente e, en definitiva, “que faga valer nas negociacións e interlocucións o seu peso de cincocentos anos de historia”. Igualmente, os profesionais e empresarios asistentes expresáronlle “o seu apoio absoluto e total colaboración” a unha institución “esencial” de Santiago, tal como indicou o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey. A raíz deste encotro, o Foro Cívico Empresarial demanda o maior respaldo económico “posible” para a Universidade de Santiago de Compostela, facendo súas as reivindicacións do reitor.