Inicio

Unha delegación de vinte e catro empresas viaxan a Ecuador, Perú e Chile en misión comercial, organizada pola Cámara compostelá

As empresas aumentaron en máis de cen millóns de euros as súas exportación en 2012

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela organiza unha misión comercial plurisectorial a Ecuador, Perú e Chile, coordinada polo técnico de internacionalización cameral, Fernando Pérez-Soba. A acción de internacionalización desenvólvese dentro do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), patrocinada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia a través de Fondos Feder.

Unha delegación empresarial formada por 24 empresas galegas visitarán a partir de mañá e ata o 14 de novemebro os mercados ecuatoriano, peruano e chileno. A misión reúne a importantes sectores exportadores galegos, especializados en maquinaria pesqueira, naval, materiais de construción, ferramentas industriais e consultoría.

O viaxe e visita a Perú coincide coa feira Expopesca de Lima, na que expoñerán cinco empresas galegas.  Presentaranse produtos moi diversos, sempre cunha base na industria alimentaria (acuicultura), mariñeira, navegación, pesca e industrias relacionadas.

Pérez-Soba destaca as características dos tres países suramericanos con “posibilidades de negocio e colaboración comercial”, estreitamente conectados coa oferta exportadora galega. “As empresas galegas incrementaron progresivamente as súas cotas de mercado nestes destinos, demostrando unha alta capacidade competitiva aínda en mercados afastados físicamente” –indicou–. Os produtos galegos presentes nesta acción gozan dunha “merecida fama en calidade e tecnoloxía” e as empresas lograron aumentar en máis de 100 millóns de euros as exportacións a estes países (comparando cifras de 2012 e 2011). Ademais, polos datos dispoñibles ata agosto de 2013, estas cifras veranse sensiblemente incrementadas ao termo do ano.