Inicio

O presidente da Xunta entrega o premio “Ouro Azul” á Asociación de Balnearios de Galicia polo seu labor na promoción do turismo galego de saúde e benestar

O voceiro do organismo manifesta que “debemos sentirnos orgullosos de que as nosas augas mineiromedicinais sexan recoñecidas como un dos produtos turísticos galegos con maior potencial internacional”

A Asociación de Balnearios de Galicia participou un ano máis na 15ª edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que esta semana se celebrou en Expourense. No marco desta cita, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, entregou esta mañá á Asociación o premio especial “Ouro Azul” polo seu esforzo na defensa e mellora do sector termal galego.

Dentro dos galardóns que como clausura deste encontro se entregan a institucións e persoas que teñen contribuído dun xeito particular ao desenvolvemento do termalismo, nesta edición, na que se conmemora o 10º aniversario de Termatalia como feira internacional, outorgáronse dous premios especiais a entidades que promoven o crecemento do sector. Foron, por un lado, o Ministerio de Turismo de Arxentina e, polo outro, a Asociación de Balnearios de Galicia, que recolleu o seu xerente, Benigno Amor, da man do titular do Goberno galego. Trátase dunha escultura orixinal do artista galego Antonio Monteiro.

A organización da feira distingue así o papel de Balnearios de Galicia, “polo seu labor de protexer, ensinar e traballar polo benestar da cultura da auga; en particular polo traballo realizado na promoción do turismo galego de saúde e benestar, que ten na auga o seu elemento principal”.

Trinta anos traballando en defensa do sector termal galego

O xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, puxo de manifesto a súa “enorme satisfacción” ao recibir este premio. “Levamos trinta anos, dende 1985, representando e promocionando o sector termal galego e na actualidade debemos sentirnos orgullosos de que Galicia sexa unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais e de que as nosas augas mineiromedicinais sexan recoñecidas como un dos produtos turísticos galegos con maior potencial internacional, sen esquecer ademais que Galicia é dende hai anos o destino termal de referencia en España”.

O voceiro dos balnearios galegos resaltou a importancia de contar cunha feira destas características de cara a avanzar na internacionalización das empresas do sector. Nesta liña, durante tres días Termatalia converteuse no centro mundial do turismo de saúde, no que a comunidade galega se perfila como un dos principais destinos termais a escala internacional. Neste foro déronse cita 39 países de catro continentes, na súa maioría de Europa e América Latina.