Inicio

O sector termal galego tratará de captar usuarios estranxeiros en Termatalia, que se celebra esta semana en Ourense coa presenza de 39 países de 4 continentes

Estes días visitaron varios balnearios da comunidade representantes dos principais operadores turísticos de Noruega especializados en turismo de saúde

A Asociación de Balnearios de Galicia vai participar esta semana na 15ª edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar. Este ano celébrase en Expourense entre os días 24 e 26 de setembro; coa presenza de 39 países de catro continentes, na súa maioría de Europa e América Latina. Este encontro é unha cita de referencia mundial do turismo de saúde, que posiciona á comunidade galega como un dos principais destinos termais a escala internacional.

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, vai intervir neste foro mundial de termalismo. Fará fincapé no feito de que “Galicia é o destino termal líder de España e unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais”. Así mesmo, porá de manifesto a importancia da auga mineral como un recurso diferenciado e dos balnearios como empresas comprometidas co seu contorno. Nesta liña, o xerente dos balnearios galegos destaca “o carácter estratéxico do termalismo en Galicia e a importancia de contar cun clúster termal e cunha feira como Termatalia de cara a avanzar na internacionalización das empresas do sector”.

Galicia ábrese ao mercado nórdico

Hoxe luns remata a viaxe por Galicia dun grupo de representantes dos principais operadores turísticos de Noruega especializados en turismo de saúde, que durante cinco días tiveron a oportunidade de coñecer a oferta termal da comunidade. É unha iniciativa promovida pola Asociación de Balnearios de Galicia e Turismo de Galicia para promocionar o sector termal galego no país nórdico, de xeito que os operadores turísticos inclúan a Galicia nos seus catálogos.

Os operadores noruegueses achegáronse a balnearios das catro provincias galegas, percorreron as súas instalacións e puideron gozar dos seus tratamentos termais. Así, visitaron o balneario pontevedrés de Cuntis; o balneario de Lugo; o balneario ourensán de Laias, no concello de Cenlle; e o balneario de Compostela, situado no municipio coruñés de Brión.

Segundo os datos aportados por Turismo de Galicia, o mercado noruegués experimentou nos primeiros sete meses deste ano un importante incremento dos seus niveis de demanda no segmento hoteleiro de Galicia, superando nun 15,9% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 11% o nivel de pernoitas do mesmo período do pasado ano.