Inicio

A realización de exercicio físico na auga mellora a calidade de vida, o estado psicolóxico e a interacción social dos pacientes con cancro

O Balneario de Lugo exhibe a denominada hidrocinesiterapia no marco do curso sobre oncoloxía integrativa

A hidrocinesiterapia, terapia por exercicios dentro da auga, mellora a calidade de vida, o estado psicolóxico e a interacción social dos pacientes con cancro. A calor, as masaxes, o fomento da mobilidade e os beneficios das augas mineromedicinais favorecen o estado de saúde nos procesos de recuperación da enfermidade. 

O Balneario de Lugo-Termas Romanas, no marco do curso de verán sobre oncoloxía integrativa da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, está a ofrecer talleres para achegarse a esta práctica, que serve como complemento para a curación do cancro. 

Begoña Fernández e Miryam Gómez, fisioterapeutas do Balneario de Lugo e do Balneario de Mondariz, respectivamente, sinalan que esta terapia pode practicarse nas diferentes etapas da enfermidade, dende a súa diagnose ata que se produce a alta do enfermo, e mesmo despois. As profesionais indican que non traballan de maneira illada, senón que son un equipo multidisciplinar que trata de manter o contacto constante co oncólogo.

Cada tratamento é individualizado e realízase un seguimento exhaustivo, pois é necesario coñecer as características do paciente e o tipo de cancro que padece. Gómez explica que cando se trata dun cancro de mama é importante traballar de pé fomentando, sobre todo, a mobilidade dos ombros, mentres que se o tumor está no colon, o recomendable é exercitar as extremidades superiores e inferiores. Tamén hai prácticas grupais, que fomentan a interacción social. 

A experta comenta que o óptimo é realizar dúas sesións semanais duns corenta e cinco minutos de duración. Nunha primeira parte o paciente desenvolve diferentes exercicios guiado polo profesional e remata cun proceso de relaxación, flotando na auga, para facilitar a redución da fatiga e o estrés que ocasionan tratamentos como a quimioterapia. Os resultados son moi positivos e Gómez afirma que os enfermos senten “satisfacción plena e mesmo se emocionan tras recibir o tratamento”. 

Clausura do curso 

O curso de verán clausúrase mañá xoves con mesas redondas sobre o cancro nos medios de comunicación e o impacto desta enfermidade no ámbito laboral. Ademais, o médico hidrólogo e director do curso, Salvador Ramos, centrará o seu relatorio na utilidade dos balnearios e os centros de benestar no coidado de pacientes oncolóxicos. E nas sesións da tarde abordaranse, entre outros asuntos, a importancia de interpretar as etiquetas dos produtos cosméticos e de limpeza ou o papel das asociacións de usuarios.