Inicio

Os balnearios galegos implantarán a finais de ano unha historia clínica electrónica común dos seus pacientes

Permitirá realizar estudos epidemiolóxicos e ensaios clínicos para comprobar a eficacia da cura termal en distintas patoloxías

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu á xornada de presentación do proxecto Termagal esta mañá no Balneario de Lugo

A Asociación de Balnearios de Galicia presentaba esta mañá no Balneario de Lugo o proxecto Termagal. Trátase dunha ferramenta informática innovadora que permitirá aos balnearios galegos xestionar a historia clínica dos seus pacientes de maneira estandarizada. O encontro, cofinanciado polo Igape, a Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, reuniu a empresarios e traballadores do sector termal galego, así como a representantes das universidades e das Administracións públicas.

A Axencia de Turismo de Galicia colabora neste proxecto. A súa directora, Nava Castro, declarou durante a presentación que “os recursos mineiromedicinais que temos en Galicia son únicos no ámbito nacional, non en van ofrecemos o 20% das prazas hoteleiras e balnearias de todo o Estado. Pero, ademais de ser líderes, debemos seguir a traballar no termalismo como unha das liñas estratéxicas a explotar dende o punto de vista turístico. E a iniciativa Termagal vai supor unha importante modernización do sector, o que vai repercutir de xeito moi positivo para que a comunidade galega sexa un referente en España e en Europa no turismo de saúde”.

Na xornada interviu Moisés Hermida, director da empresa que está a desenvolver o software, que podería comezar a implantarse a finais de ano. Explicou que se dotará aos médicos dunha pantalla táctil intuitiva e de moi fácil manexo, baseada na representación gráfica das diferentes partes do corpo. “Esta aplicación permite recoller información dos pacientes e controlar a evolución das diferentes variables de xeito común en todos os balnearios, sen apenas necesidade de escribir” -sinalou-.   

Segundo o experto, a finalidade é facilitar aos facultativos todo o proceso de asistencia médica e, ademais, posibilita o tratamento e intercambio de datos nunha linguaxe estandarizada, de maneira que se enriquece o coñecemento dos diferentes problemas médicos que se consultan nos centros termais. E, en consecuencia, obteranse estatísticas de grande utilidade para realizar estudos científicos que repercutirán na mellora da saúde dos pacientes actuais e futuros.

Un paso importante para conseguir a introdución da cura termal dentro das prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde

Na xornada interviu o doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, á que está vencellado este proxecto. Indicou que “unha importante carencia que temos detectado nos balnearios é non dispor dunha base de datos con información dos pacientes atendidos, as súas características, patoloxías que os levaron a acudir ao balneario e os tratamentos recibidos. Isto impide levar a cabo estudos para valorar a eficacia dos distintos tratamentos e determinar as mellorías que producen no paciente”.

O doutor Gestal salientou que a elaboración e posta a disposición dos balnearios desta historia clínica electrónica permitirá unha recollida estandarizada da información dos pacientes en todos os balnearios. E, ademais, ir conformando una base de datos que facilite a realización nun futuro próximo de investigacións sobre a balneoterapia, en especial estudar a eficacia dos diferentes tratamentos e curas balnearias, precisando as súas indicacións terapéuticas. “Isto é moi importante para poder conseguir a introdución da cura termal dentro das prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde” -declarou-.  

O doutor resaltou que “os pacientes van ser os primeiros en beneficiarse da implantación deste sistema, ao quedar rexistrado no balneario o seu historial clínico, con toda a información sobre a súa situación de saúde e os tratamentos recibidos. Isto permite un mellor seguimento da súa saúde e comprobar os resultados dos tratamentos”. Así mesmo, o experto incide no feito de que poderán realizarse moitos tipos de estudos epidemiolóxicos e ensaios clínicos dirixidos a comprobar a eficacia das diferentes aplicacións terapéuticas en distintas patoloxías.

Un grande avance para promover Galicia como destino turístico de saúde en España e en Europa

A doutora Dolores Fernández Marcos, coordinadora da Cátedra e directora médica de Caldaria Hoteles y Balnearios, indicou que o punto de partida foi unificar os criterios dos rexistros para construír unha historia clínica común para os balnearios galegos, xa que ata o de agora cada centro termal tiña os seus propios criterios e ata as súas propias denominacións dunha mesma doenza.

A doutora afirmou que “é importante coñecer cantos pacientes dos que se someten a unha cura termal padecen unha determinada enfermidade, cal é o seu rango de idade e sexo ou os seus antecedentes médicos, entre outros datos. E así no futuro poderemos coñecer, por exemplo, en que medida se reduce o consumo de medicamentos nestes pacientes, se se repiten as mesmas doenzas nunha mesma zona xeográfica, que melloras se aprecian; que tipo de augas, tratamentos e duración dos mesmos son máis efectivos en cada caso… E logo divulgar estes resultados para que outros enfermos poidan beneficiarse. Ademais, estes logros serán moi positivos para promover Galicia como destino turístico de saúde. 

Pola súa parte, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, destacou que “proxectos como Termagal son a mellor demostración do liderado dos balnearios galegos en España e, na medida na que sexamos capaces de desenvolvelo axeitadamente, poderemos posicionar a Galicia a medio prazo nun destino termal de referencia en Europa.