Inicio

Investigadores galegos desenvolven lodos termais que logran resultados rápidos e efectivos no tratamento de doenzas reumatolóxicas e da pel

Son produtos naturais máis económicos e eficaces que os fármacos e sen efectos secundarios adversos 

Úsanse en particular para combater a psoríase, o acné, a dermatite atópica en nenos e tamén as queimaduras

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde unha conferencia centrada na aplicación dos peloides termais. A investigadora da Universidade de Vigo Lourdes Mourelle abordará o valor terapéutico destes produtos naturais no edificio docente Roberto Novoa Santos, a partir das 18:30 horas.

Os peloides son produtos terapéuticos novidosos que se empregan nalgúns balnearios dende hai moi poucos anos. A investigadora explica que xorden da mestura dun compoñente sólido, en particular arxilas, con auga mineiromedicinal. O resultado é unha especie de barro que se aplica sobre a pel, na zona que se vai tratar, a través de emplastos ou baños.

“Os peloides ofrecen mellores resultados e máis rápidos que as augas mineiromedicinais, posto que concentran os minerais e os oligoelementos das augas termais, ao tempo que aportan os das arxilas, o que favorece unha pronta recuperación da pel e das lesións. Así, conséguense os mesmos resultados usando peloides durante once días que tras un tratamento de tres semanas con augas mineiromedicinais” -asegura a investigadora-. Ademais, salienta que esta terapia natural resulta moito máis económica que os tratamentos médicos convencionais; e sen efectos secundarios negativos, fronte ao que ocorre cos fármacos que se empregan para tratar as doenzas da pel”.  

Segundo indica a investigadora, os peloides son produtos exclusivos de cada balneario porque as augas de cada centro termal posúen unha composición e unhas propiedades diferentes. E cada tipo de auga necesita un tipo de arxila determinada para facer o peloide. Nesta liña, o equipo da Universidade de Vigo traballa con arxilas comerciais da máis alta calidade, sen aditivos nin efectos secundarios adversos, de xeito que se poden usar tanto cunha finalidade cosmética como terapéutica. Segundo as súas características físico-químicas, cada peloide emprégase para fins concretos, sobre todo para combater doenzas dermatolóxicas e reumatolóxicas. 

No caso das doenzas reumatolóxicas, estes produtos aplícanse con cataplasmas grosas a unha temperatura elevada. Así, actúan como axentes termoterápicos, é dicir, que se aproveita a calor que emiten para abordar patoloxías musculares e osteoarticulares -en particular artroses de xeonllo ou de espalda-, artrites, fibromialxia ou mesmo lesións deportivas. 

Os peloides logran eliminar o picor da pel na práctica totalidade dos nenos que padecen dermatite atópica 

“En relación ás doenzas dermatolóxicas, os peloides termais favorecen a rexeneración celular e axudan á cicatrización de feridas e queimaduras” -sinala a investigadora Lourdes Mourelle-. Así, utilízanse para facer fronte á psoríase e á dermatite atópica dos nenos e tamén para abordar outros problemas da pel como o acné. Nestes casos aplícase unha fina capa de peloide, a temperatura ambiente, sobre a zona que se vai tratar. 

Os investigadores da Universidade de Vigo colaboran co balneario Isla de La Toja na realización de estudos que corroboran os beneficios terapéuticos dos peloides neste eido. Nesta liña, teñen demostrado que os pacientes afectados de psoríase melloran de maneira significativa o arroibamento, a inflamación e a escamación da pel. Ademais, nos nenos que padecen dermatite atópica desaparece o picor da pel no 99,9% dos casos. Os peloides tamén son moi efectivos para combater o acné, a dermatite seborreica e para restaurar a pel afectada por cicatrices e queimaduras. 

O equipo da Universidade de Vigo elaborou un produto dermatolóxico propio para o balneario Isla de La Toja e outro para o balneario de Compostela (situado no concello coruñés de Brión). Polo momento son os únicos establecementos da comunidade que empregan peloides termais. 

Os investigadores avanzan na creación de peloides con microalgas

Os investigadores da Universidade de Vigo están a avanzar ademais na preparación de peloides con microalgas mariñas. Cultívanas no Talaso Atlántico (no concello pontevedrés de Oia), nas augas que o centro emprega para os seus tratamentos. Este proxecto aínda está en fase de probas pero axiña estarán en condicións de aplicalas, neste caso con fins relaxantes e de benestar e para mellorar o estado xeral da pel.

O equipo vigués colabora nesta misma liña cun balneario de Estremadura, de cara a desenvolver peloides que conteñen microalgas procedentes das súas augas termais.