Inicio

O Imserso mantén aberto o prazo para participar no Programa de Termalismo Social entre os meses de setembro e decembro

Galicia, cun total de 25.676 prazas para este ano, o 12% do total nacional, é unha das comunidades con maior oferta 

Participan 15 establecementos de Balnearios de Galicia, 6 en Pontevedra, 5 en Ourense, 2 en Lugo e outros 2 na Coruña

O Programa de Termalismo Social do Imserso mantén aberta a súa convocatoria para  os meses de setembro a decembro. Os pensionistas que desexen participar nesta iniciativa e opten por presentar as solicitudes por vía telemática poderán facelo a través da sede electrónica do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso).

Galicia é unha das comunidades que ofrece un maior número de prazas e máis balnearios dentro deste programa. Participan 15 establecementos da Asociación de Balnearios de Galicia. Na provincia da Coruña o Balneario de Compostela, situado no concello de Brión, e o de Carballo. Na provincia lucense están o Balneario de Guitiriz e o Balneario de Lugo-Termas Romanas. En Ourense participan os establecementos termais de Baños de Molgas, Arnoia Caldaria Hotel Balneario, Laias Caldaria Hotel Balneario (concello de Cenlle), Lobios Caldaria Hotel Balneario e o Gran Balneario do Carballiño. E en Pontevedra os balnearios de Baños da Brea (situado en Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Isla de la Toja, Termas de Cuntis, xunto con Dávila e Acuña (os dous en Caldas de Reis).

Estadías de 12 días e 11 noites ou 10 días e 9 noites, a prezos moi reducidos

As estadías son de 12 días e 11 noites, aínda que se pode optar por unha duración máis reducida, de 10 días e 9 noites. As tarifas, moi accesibles, varían en función do establecemento hoteleiro e das características de cada balneario. 

O Imserso mantén aberto o prazo para a presentación das solicitudes para esta segunda quenda do ano, que inclúe os meses de setembro a decembro. Para a adxudicación das prazas o Imserso aplica un baremo, no que ten prioridade o grao de necesidade de recibir os tratamentos termais, a situación económica e a idade dos solicitantes. Tamén se valora que sexan membros dunha familia numerosa e que non teñan participado no programa nos dous últimos anos.

Os balnearios da comunidade ofertan este ano un total de 25.676 prazas, das 210.500 coas que conta o programa no seu conxunto para este exercicio, o que representa o 12% do total de prazas en España. Así, “Galicia segue a ser unha das comunidades máis demandadas polos usuarios no marco deste programa, con listas de espera en todas as edicións. Se houbese máis prazas cubriríanse” -apunta o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor-. En 2014 os 17 balnearios galegos participantes no mesmo recibiron máis de 24.000 solicitudes. 

Tratamento médico e actividades de lecer

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, lembra que “este programa diríxese a pensionistas maiores de 60 anos e a todos os pensionistas de xubilación e invalidez que necesiten os tratamentos termais que proporcionan os balnearios. Trátase, en particular, de combater a reuma; a artrose; as afeccións dos aparatos respiratorio, dixestivo, renal e das vías urinarias; os problemas da pel e ata trastornos vinculados ao sistema nervioso”.

O programa ofrece tratamentos termais básicos, que inclúen o recoñecemento médico e a prescrición do tratamento por parte do facultativo do balneario, a súa aplicación e posterior seguimento médico. Proporciónase ademais aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en habitacións dobres de uso compartido. E realizaranse actividades de animación destinadas a este colectivo. 

Os interesados en participar neste programa poden obter os impresos de solicitude de praza e recibir máis información na páxina web www.imserso.es ou a través do teléfono 901 109 899.