Inicio

O presidente da Academia de Medicina de Galicia salienta que os primeiros testemuños da hidroloxía médica na comunidade datan do século I antes de Cristo

No século XIX había rexistrados na comunidade galega ata 90 mananciais de augas mineiromedicinais

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia organiza esta tarde unha conferencia centrada na evolución histórica do termalismo na comunidade galega. O encargado de impartila será o doutor José Carro Otero, presidente da Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e profesor da USC. Celebrarase no edificio docente Roberto Novoa Santos, anexo ao Complexo Hospitario Universitario de Santiago, a partir das 18:30 horas.

O doutor Carro salienta que os primeiros testemuños da hidroloxía médica en Galicia datan do século I antes de Cristo. Segundo o experto, a Idade Antigua e a Idade Moderna e Contemporánea foron os momentos nos que se utilizou máis a hidroloxía. E a etapa histórica na que se fixo menos uso da auga como recurso terapéutico foi a Idade Media.

“En Galicia hai constancia na época romana de numerosos balnearios propiamente ditos, é dicir, edificios que se surtían de fontes de augas mineiromedicinais. Algúns deles seguiron funcionando ata os nosos días, como o caso das Termas Romanas de Lugo, onde aínda se conservan restos arqueolóxicos visibles do antigo edificio termal. Tamén se conservan activos os balnearios de Caldas de Reis e Termas de Cuntis, onde apareceron altares dedicados a deidades acuáticas como as ninfas e moedas romanas do século I” -explica o doutor-.

Durante a Idade Moderna destaca sobre todo a existencia de dous autores que publican senllas obras nas que se dan valiosas noticias escritas sobre os balnearios galegos desa época. Trátase, por un lado, de Alfonso Limón y Montero, autor do libro titulado El espejo cristalino de las fuentes minerales de España (1697). E, por outro lado, o doutor Pedro Gómez de Bedoya, primeiro catedrático de Anatomía e Cirurxía da Universidade de Santiago, quen en 1764 e 1765 publicou dous volumes dunha obra titulada Historia universal de las fuentes minerales de España, cuxa edición financiou no seu momento o Cabido da Catedral de Santiago.

Na Idade Contemporánea, e sobre todo a partir do primeiro tercio do século XIX, a balneoterapia foi cobrando unha gran forza en Galicia, xa que se recoñecía a valiosa acción curativa das augas mineiromedicinais. Tal como indica o doutor Carro, “nesta etapa configúrase a balneoterapia moderna, na que brilla o catedrático e reitor da Universidade de Santiago Antonio Casares, responsable das primeiras análises científicas das augas medicinais de numerosos mananciais galegos, tratando de xustificar por este medio as súas capacidades terapéuticas”. Así, no século XIX había rexistrados na comunidade galega ata 90 mananciais de augas mineiromedicinais, aínda que moitos non se utilizaron por atopárense en lugares de difícil comunicación.

No ano 1919 o catedrático de Farmacoloxía da Universidade de Santiago Novo Campelo publicou un libro desta especialidade enriquecido con capítulos moi relevantes sobre hidroterapia (uso da auga natural como axente curativo), crenoterapia (aplicación terapéutica das augas mineiromedicinais) e talasoterapia (utilización da auga do mar con fins terapéuticos); que serviu para iniciarse nestas técnicas aos alumnos da Facultade de Medicina.

A evolución dos balnearios galegos

O doutor José Carro exporá tamén na súa conferencia como foron evolucionando os balnearios galegos ao longo da súa historia. Analizará como se descubriron os mananciais de augas mineiromedicinais, como se revelaron as súas capacidades curativas, que instalacións se realizaron para poder seren utilizadas polos enfermos, o tipo de persoal que empezou a traballar nelas, que tipo de augüistas concurrían; e de que maneira nacen e se desenvolven, en torno aos balnearios, diversas poboacións.

O doutor salienta como paradigma desta evolución a “Mondariz, cuxo balneario foi o máis importante de Galicia na súa época, concitando a atracción tanto de augüistas como de persoas da realeza, da aristocracia, da política, da alta burguesía…”. Nesta liña, o doutor lembra que por alí pasaron recoñecidas personaxes como a infanta Isabel de Borbón, irmá de Alfonso XII; os políticos Emilio Castelar, Nicolás Salmerón ou Primo de Rivera; escritores como Carlos Arniches, Emilia Pardo Bazán ou Curros Enríquez; e ata o científico Isaac Peral, inventor do submarino, entre outros.