Inicio

Expertos médicos defenden a hidroloxía como complemento da Medicina tradicional

Aseguran que os tratamentos termais, que non teñen efectos secundarios negativos para os pacientes, axudan a que se consuman menos fármacos

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, unha nova sesión dirixida a futuros facultativos, ás 18:30 horas. Marta Arribas, directora médico do balneario Isla de La Toja, abordará as principais aplicacións clínicas da balneoterapia. 

A doutora manifesta a importancia de que os futuros facultativos coñezan a especialidade da hidroloxía médica, posto que “complementa dun xeito moi positivo á Medicina tradicional, ao tempo que favorece que os pacientes consuman menos fármacos. Ademais, son tratamentos sen efectos secundarios negativos para os pacientes, fronte ao que ocorre con algúns medicamentos”.

Doenzas do aparato locomotor, problemas respiratorios e afeccións da pel

A doutora sinala que as augas mineiromedicinais están especialmente indicadas para tratar doenzas do aparato locomotor, tanto reumatolóxicas como musculares, en particular a artrose (sobre todo de cadeira e de xeonllo) e a artrite no caso das persoas maiores e contracturas e sobrecargas musculares en pacientes xoves. Nesta liña, as augas favorecen a mobilización, ao tempo que exercen unha importante acción analxésica, antiinflamatoria e descontracturante.

A doutora salienta que as augas fomentan a mobilidade das articulacións, melloran o estado xeral da musculatura e a circulación. “Axudan a que as rehabilitacións sexan moito máis rápidas, posto que, como o corpo perde peso dentro da auga, os músculos móvense con maior axilidade” -apunta-. E a calor favorece que se alivie a dor. 

Outra das principais indicacións terapéuticas das augas mineiromedicinais son as súas propiedades para tratar enfermidades da pel, tanto en adultos como en nenos. Así, segundo asegura a doutora, “logo dun tratamento de entre 15 e 20 días lógranse resultados moi satisfactorios en trastornos como a psoríase e a dermatite atópica. O 80% dos pacientes recoñecen unha melloría tralo emprego de baños e a aplicación de lodos termais”. 

Tamén se logran resultados moi efectivos no caso das afeccións do aparato respiratorio e do sistema otorrino logo dun tratamento termal. “As mucosas hidrátanse, de xeito que o aire pasa mellor e, ademais, favorécese a eliminación da mucosidade”, afirma a doutora, quen apunta que “as augas aconséllanse para tratar bronquites crónicas, rinites, otites, asma e mesmo para curar as otites tan habituais nos nenos”.