Inicio

Máis do 70% dos pacientes con doenzas reumatolóxicas sometidos a tratamentos termais logran reducir a inxesta de analxésicos e antiinflamatorios

Logo de nove días mellora a mobilidade articular, diminúe a rixidez e a dor propia destes procesos

Os alumnos da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia participan mañá venres e o sábado nunha sesión práctica no balneario de Lugo. Nestas xornadas achegaranse á aplicación da balneoterapia en pacientes reumatolóxicos crónicos.

A directora médico do balneario lucense, Ascensión Sánchez, salienta o valor terapéutico das augas sulfuradas para combater procesos reumatolóxicos, debido á súa acción antiinflamatoria, analxésica e descontracturante; ao tempo que facilitan a mobilidade articular, reducen a rixidez e combaten a dor. Empréganse en particular para tratar todo tipo de reumatismos dexenerativos como as artroses -dende a de xeonllos ata a de columna-, ademais de doenzas inflamatorias como a artrite reumatoide, xunto con ciáticas, lumbalxias ou a gota. Tamén son efectivas para abordar as secuelas de traumatismos e cirurxías do aparato locomotor.

A doutora sinala que se valora a cada paciente para ver o seu estado xeral e a fase evolutiva na que se atopa a enfermidade. En función deste exame médico, aplícanse tratamentos personalizados, baseados en chorros termais, duchas circulares e baños -tanto en bañeira como en piscina-. E, ademais, engádense outras técnicas complementarias ás augas mineiromedicinais como os parafangos (arxilas quentes), sesións de masaxes e de fisioterapia -mediante exercicios en seco ou en piscina-.

Segundo explica a doutora, a duración mínima dos tratamentos é de 9 días e os resultados son moi satisfactorios. Así, máis do 70% dos pacientes logran unha importante melloría no seu estado de saúde e, en consecuencia, na súa calidade de vida. Ademais, conséguese reducir a inxesta de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatarios.

A doutora Sánchez sinala que a maioría dos pacientes que se tratan nos balnearios por procesos reumatolóxicos son persoas maiores, posto que este tipo de doenzas increméntanse a medida que a idade avanza. Pero poden afectar a individuos de calquera idade, como ocorre coa artrite reumatoide xuvenil. 

Os estudantes da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC terán ademais a oportunidade de visitar as antigas termas públicas romanas, declaradas Monumento Histórico Artístico Nacional e que están en proceso de escavación. O balneario de Lugo é o único de Galicia que conserva os vestixios dos vellos baños romanos.