Inicio

A inxestión de auga mineiromedicinal durante un tempo, a un ritmo e nunhas cantidades precisas, ten efectos terapeúticos sobre o aparato dixestivo

A pesar de non ser moi habitual, boa parte dos balnearios galegos posúen augas indicadas para a bebida 

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, unha nova sesión dirixida a futuros facultativos, entre as 18:30 e as 20:30 horas. O doutor Elías Festa Cayuela, director médico do balneario de Caldelas de Tui, dará a coñecer as principais técnicas de aplicación das augas mineiromedicinais, en particular as que máis se empregan nos establecementos termais galegos. 

O doutor explica que cando un paciente acode a un balneario, o médico do centro prescríbelle o tipo de técnica máis idónea ou unha combinación de varias en función da patoloxía que se vai tratar. Así, a denominada cura hidropínica consiste na inxestión de auga mineiromedicinal en bebida durante un tempo, a un ritmo e nunhas cantidades precisas que determina o facultativo. Trátase dunha técnica moi sinxela, pero a súa correcta aplicación ten efectos terapeúticos no organismo, sobre todo no aparato dixestivo pero tamén no urinario e no circulatorio.

Son moi poucos os balnearios que posúen augas indicadas para a bebida. En Galicia destaca o pontevedrés de Caldelas de Tui; os lucenses de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo; e os ourensáns de Baños de Molgas, Gran Balneario do Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). Pola súa parte, o balneario de Sousas, situado na localidade ourensá de Verín, só ofrece esta técnica.

A aplicación de auga mineiromedicinal por vía respiratoria faise por medio de duchas nasais, inhalacións, aerosoles e mesmo a través de duchas larínxeas. A súa finalidade é combater afeccións do aparato respiratorio como a asma, a bronquite crónica, a sinusite ou as alerxias.

Existen ademais diferentes técnicas de balneación, que son aquelas nas que cómpre sumerxirse na auga, xa sexa de xeito parcial ou total, en función de cada patoloxía. Poden ser con presión (duchas e chorros) ou sen presión (baños por inmersión, de burbullas, subacuáticos, hidromasaxes…). Trátanse así problemas óseos e das articulacións e tamén certas afeccións da pel. Combinadas con outras técnicas, axudan ademais a combater doenzas do sistema circulatorio.

Outra das técnicas habituais son as estufas, que poden ser húmidas (baños de vapor) ou secas (saunas); os expertos sinalan que resultan moi efectivas no tratamento de afeccións do aparato respiratorio. Tamén destaca a aplicación de fangos e parafangos para abordar problemas da pel.