Inicio

O tratamento termal acelera a recuperación física de deportistas, persoas que sufriron unha intervención cirúrxica ou que levan moito tempo hospitalizadas

Os beneficios terapéuticos das augas mineiromedicinais súmanse ao labor de equipos interdisciplinares integrados por médicos, fisioterapeutas, preparadores físicos, psicólogos e nutricionistas

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Mondariz acolle esta fin de semana unhas xornadas dirixidas a futuros médicos. Centraranse no papel que cumpren os centros termais de cara á recuperación funcional de determinados pacientes. Un grupo de estudantes de Medicina da USC, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor terapéutico das augas mineiromedicinais neste senso. As xornadas comezan mañá venres pola tarde e prolongaranse durante o sábado. 

A directora médico do Balneario e Mondariz, a doutora Laura Gómez, explica que nos establecementos termais poden desenvolverse unha serie de procedementos físicos e terapéuticos co fin de restablecer a funcionalidade dos afectados por algún tipo de lesión. É o caso de deportistas, persoas que veñen de someterse a unha intervención cirúrxica (como a colocación dunha prótese de cadeira ou de xeonllo, unha intervención nos ligamentos dos xeonllos…), pacientes que sofren problemas óseos ou articulares como oseoartrose, ou  persoas que estiveron hospitalizadas durante un longo período de tempo e precisan retomar o seu desenvolvemento normal. 

Os balnearios contan cun equipo interdisciplinar integrado por médicos, fisioterapeutas, preparadores físicos, auxiliares termais, psicólogos e ata nutricionistas en moitos casos. O labor destes profesionais, unido ás indicacións terapéuticas das augas mineiromedicinais, aplicadas a través de diferentes tratamentos, axudan a esa recuperación. Tamén contribúe de maneira moi positiva -segundo os expertos- o contorno propio dos balnearios, que favorece que o proceso se realice nun ambiente relaxado. Ademais, trátase de fomentar nos pacientes unha alimentación e uns hábitos de vida saudables co fin de acelerar a súa recuperación.

“Como centros sanitarios, os balnearios dispoñen de todos os elementos necesarios para favorecer esa recuperación. Así, búscase, por un lado, que o paciente se poida incorporar á súa actividade laboral ou deportiva e á súa rutina diaria. E, por outro lado, incídese en que logren uns hábitos saudables co propósito de mellorar a súa calidade de vida e evitar posibles recaídas futuras” -sinala a doutora-.

Os estudantes de Medicina terán a oportunidade de coñecer experiencias clínicas de pacientes que recuperaron a súa actividade normal nun balneario coa axuda de fisioterapeutas e preparadores físicos. Nesta liña, os médicos salientan que cada experiencia é única e que os tratamentos son individualizados para cada doente.