Inicio

Logo dun tratamento de nove días, as augas termais melloran a saúde dos nenos que padecen patoloxías respiratorias como rinite alérxica, asma ou bronquiolite

Logra reducirse a súa asistencia continuada aos servizos de urxencias médicas

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Caldelas de Tui acolle esta fin de semana unhas xornadas sobre a importancia da balneoterapia para o tratar patoloxías respiratorias en nenos e adultos. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor terapéutico das augas mineiromedicinais en relación a estas doenzas. As xornadas comezan mañá venres pola tarde e prolongaranse durante todo o sábado. 

O doutor Elías Festa Cayuela, director médico do balneario de Caldelas de Tui, explica que as patoloxías de tipo respiratorio máis habituais que adoitan tratarse nos balnearios no caso das persoas adultas son a bronquite crónica e a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, máis coñecida como EPOC, unha doenza que causa dificultade para respirar e que ademais empeora co paso do tempo. “Cos tratamentos termais lógrase mellorar tanto o estado de saúde como a calidade de vida dos pacientes, ao tempo que se reduce a inxesta de medicamentos” -salienta o doutor-.

No caso dos nenos, acoden aos balnearios sobre todo con rinite alérxica, asma infantil e bronquiolite. “Despois do primeiro tratamento termal apréciase unha gran melloría nos pequenos, co que se consegue reducir a súa asistencia continuada aos servizos de urxencias médicas, ao tempo que se facilita o proceso de maduración dos nenos”       -asegura o doutor-. Segundo os datos aportados polo doutor Festa, aproximadamente o 40% dos pacientes que recibe o balneario de Caldelas de Tui son nenos.

Os expertos médicos indican que, para que os tratamentos termais sexan eficaces de cara a combater este tipo de patoloxías respiratorias, cómpre unha sesión diaria durante un total de 9 días. En cada unha destas sesións aplícanse varios tratamentos en función da doenza e das características do paciente. É necesaria unha consulta médica previa co facultativo do balneario, que determinará o tipo de tratamento que se debe seguir en cada caso. 

O tipo de augas que se empregan para abordar as enfermidades do aparato respiratorio son as sulfuradas e as clorudadas. Estas augas aplícanse a través dunha serie de técnicas, en particular inhalacións, aerosois e duchas nasais. 

“É fundamental que os futuros médicos coñezan que existen alternativas terapéuticas ao consumo de fármacos para abordar determinadas doenzas e con resultados efectivos” -afirma o doutor Festa-.