Inicio

O tratamento termal mellora os síntomas da fibromialxia, unha doenza crónica para a que non existe unha solución definitiva e que afecta ao 2% da poboación, na súa maioría mulleres

Lógrase reducir a dor, a fatiga, a depresión e tamén o uso de antidepresivos, antiinflamatorios e analxésicos

Un grupo de estudantes de Medicina coñecerá esta fin de semana no balneario ourensán de Laias o valor terapéutico das augas mineiromedicinais en relación a esta doenza

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Laias (no concello ourensán de Cenlle) acolle esta fin de semana unha xornada sobre a importancia da balneoterapia en pacientes con fibromialxia. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor terapéutico das augas mineiromedicinais en relación a esta doenza. 

O encontro comeza mañá venres, ás 17:00 horas, cunha conferencia do doutor José Miguel Lemos, médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, que explicará os síntomas da fibromialxia e a importancia da súa abordaxe terapéutica dende un punto de vista multidisciplinar.

O sábado, ás 11:00 horas, a doutora Dolores Fernández Marcos, directora médico de Caldaria Termal, centrarase na aplicación da balneoterapia en pacientes con fibromialxia. E, de seguido, os estudantes de Medicina realizarán unha sesión práctica no balneario de Laias, con fin de coñecer como os médicos tratan a estes pacientes nos centros termais.

Tal como salienta a doutora Marcos, a fibromialxia é unha doenza recoñecida pola Organización Mundial da Saúde, clasificada dentro dos reumatismos. Ten unha prevalencia do 2% sobre a poboación en xeral e afecta na súa maioría ás mulleres.

Os pacientes que padecen esta doenza presentan unha dor músculo-esquelética crónica, fatiga xeralizada e dificultade para conciliar o sono; o que conduce a unha mala calidade de vida. O tratamento que se aplica na actualidade ten como obxectivo aliviar a dor, manter e/ou restablecer o equilibrio emocional e mellorar a calidade do sono e a astenia. O seu enfoque terapéutico é multidisciplinar, de xeito que se aborda con tratamento farmacolóxico, con sesións de fisioterapia e tamén coa balneoterapia.

“O tratamento nun balneario pode actuar tanto fronte aos factores desencadeantes da doenza como aos síntomas propios da mesma. Ademais, o ambiente do balneario proporciona un importante beneficio psíquico ao paciente, ao variar a rutina diaria, ao tempo que favorece novas relacións sociais, proporciona descanso físico e axuda a adquirir hábitos de vida saudables” -manifesta a doutora Marcos-. 

O tratamento con augas mineiromedicinais logra mellorar o estado de ánimo dos pacientes con fibromialxia

Dentro da variedade de técnicas que existen nun balneario, os profesionais médicos destacan, para o tratamento da fibromialxia, a práctica de exercicio aeróbico en piscinas termais, a balneación sen presión, técnicas de diatermia xeral e masaxes superficiais; sempre trala prescrición do médico do centro.

“A fibromialxia é unha enfermidade para á que na actualidade non existe unha solución definitiva. Non obstante, a balneoterapia, unida a outras disciplinas terapéuticas, contribúe a aminorar os seus síntomas” -indica a doutora Dolores Fernández Marcos-. Asegura que, algúns dos beneficios para aconsellar este tipo de tratamento son os seus escasos efectos secundarios negativos, xunto co cambio de rutina dos pacientes, o que contribúe enormemente a mellorar o seu estado de ánimo.

Os paciente que reciben tratamento termal ven melloradas dun xeito moi significativo unha gran cantidade de variables. Así, logra reducirse a intensidade da dor e o número de puntos dolorosos; a fatiga e a depresión; o uso de antidepresivos, antiinflamatorios e analxésicos; ao tempo que melloran unha serie de valores analíticos respecto ao inicio do tratamento. Deste xeito, os expertoa consideran que a inclusión da balneoterapia no tratamento médico dos pacientes constitúe un tratamento complementario con alta relevancia clínica na fibromialxia.