Inicio

Galicia forma a futuros médicos especializados na cura termal, figura que se introduciu nos balnearios no século XIX

O profesor Míguez, experto en termalismo, lembra que no século XVIII comeza a tomarse conciencia de que o fenómeno termal e balneario debía recuperarse e explotarse

Esta tarde inaugúranse en Santiago o curso académico da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia

O curso da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e Balnearios de Galicia inaugúrase esta tarde no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC. Ao acto asistirán o director da Cátedra e decano da facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal Otero; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; a coordinadora do programa, a doutora Dolores Fernández Marcos; xunto con directores médicos de diferentes establecementos termais da comunidade.

A materia de hidroloxía médica comezou a impartirse na Universidade de Santiago no ano 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nace a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en toda España, con máis dun centenar de alumnos matriculados cada curso. Ademais das clases teóricas, os estudantes realizan prácticas en balnearios, o que lles permite coñecer como os facultativos dos establecementos termais aplican diferentes técnicas para o tratamento de enfermidades e doenzas diversas.

A conferencia inaugural do curso impartiraa o doutor Luís Rodríguez Míguez. Salienta que “a saúde non é só a ausencia de enfermidade, senón un estado de completo benestar físico, mental e social”. Nesta liña, manifesta que “os balnearios representan na actualidade unha importante fonte de saúde e benestar”. E afirma que “Galicia, con máis de 300 mananciais catalogados en toda a comunidade, unha vintena de balnearios con máis de 3.000 prazas de aloxamento e 11 plantas envasadoras de auga mineral, é unha potencia neste eido, que sobresae no conxunto de España pola enorme calidade das súas augas minerais e mineiromedicinais”. 

“Nos tempos primitivos o baño era considerado como un rito simbólico para alcanzar a limpeza da alma e o pracer do espírito. E durante 600 anos os romanos non coñeceron outros remedios terapéuticos máis que os baños. Co tempo aplícanse os progresos das demais ciencias aos estudos da hidroloxía médica, co que se van descubrindo novos elementos e propiedades nas augas medicinais” -explica o doutor-. Míguez sinala que no século XVIII comeza a tomarse conciencia de que o fenómeno termal e balneario debía recuperarse e explotarse. Así, a principios do XIX xorde a figura do médico-director nos balnearios.