Inicio

A Universidade de Santiago inicia o luns a materia de hidroloxía médica deste curso para alumnos de Medicina

O director da cátedra da especialidade, o doutor Gestal Otero, sostén que “o ideal” sería dispor dun especialista por cada 1.000 ou 1.500 usuarios

O doutor Rodríguez Míguez impartirá a primeira sesión, na que fará un repaso histórico das aplicacións terapéuticas das augas mineiromedicinais

O curso da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e Balnearios de Galicia abrirase o vindeiro luns 23, ás 18:30 horas, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, anexo ao Hospital Clínico. Ao acto de inauguración asistirán o director da Cátedra e decano da facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal Otero; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; a coordinadora do programa, a doutora Dolores Fernández Marcos; e o doutor Luís Rodríguez Míguez, codirector da Cátedra, que impartirá a primeira sesión, na que fará un repaso histórico das augas mineiromedicinais en Galicia e os seus usos terapéuticos.

O doutor Juan Gestal Otero destaca “a importancia de capacitar aos alumnos para a utilización correcta desta modalidade de terapia na súa práctica médica”. Nesta liña, os futuros médicos coñecerán as características básicas dos distintos tipos de augas mineiromedicinais e as súas principais aplicacións terapéuticas e preventivas nas doenzas máis comúns. O facultativo agrega que este curso, como novidade, ofrecerase aos estudantes a posibilidade de asistir a seminarios varias fins de semana en balnearios, “en aras de profundizar na súa formación cun sentido teórico-práctico”. 

Gestal indica que se está a traballar no deseño da historia clínica termal electrónica en coordinación cos médicos dos balnearios: “Dispor desta ferramenta será fundamental de cara a facer un seguimento rigoroso dos pacientes e realizar estudos experimentais e nova investigación”. Lamenta que non haxa especialistas “malia á tradición termal de España” e sostén que “o ideal” sería un médico hidrólogo por cada 1.000 ou 1.500 usuarios. E salienta que a cronicidade das patoloxías e a maior esperanza de vida fan da balneoterapia unha “fonte de saúde e benestar”. 

A materia de hidroloxía médica comezou a impartirse na Universidade de Santiago no ano 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nace a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en toda España, con máis dun centenar de alumnos matriculados cada curso. 

En España hai arredor de 1,2 millóns de usuarios destas augas e 140.000 en Galicia. O IMSERSO ofrece, este ano 2015 como prestación sociosanitaria, unhas 210.000 prazas nos balnearios de España, ás que hai que que engadir unhas 600 máis que ofrece a Xunta de Galicia.