Inicio

Galicia mostra en Termatalia, en Arxentina, que a comunidade é o destino termal líder de España e unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais

Os balnearios galegos tiveron unha ocupación do 75% nos meses de verán e preto do 80% en setembro

A Asociación de Balnearios de Galicia participa estes días en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal. Organizada por Expourense, estase a celebrar nas Termas de Río Hondo, en Arxentina, e mañá sábado pecha as portas da súa décimo cuarta edición. Neste foro mundial de termalismo, onde se busca o intercambio de coñecementos entre os profesionais do sector, danse cita multitude de expertos procedentes dunha vintena de países.

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, interveu nestas xornadas, nas que fixo fincapé no feito de que “Galicia é o destino termal líder de España e unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais”. Así mesmo, resaltou a importancia de auga mineral como un recurso diferenciado e dos balnearios como empresas comprometidas co desenvolvemento sostible. Destacou “o carácter estratéxico do termalismo en Galicia e a importancia de contar cun clúster teral e cunha feira como Termatalia de cara a avanzar na internacionalización das empresas do sector”.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, lembrou que “Galicia é líder en balnearios certificados coa Q de Calidade Turística”. Nesta liña, precisou que 8 dos 36 balnearios de España con esta distinción atópanse na nosa comunidade e salientou a necesidade de velar pola consolidación e posicionamento de Galicia como destino termal global. 

A ocupación nos establecementos termais que forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia acadou nos meses de verán o 75%. No mes de setembro as cifras ascenderon ata o 80%.  

A Asociación de Balnearios de Galicia está integrada por un total de 19 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo o de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia de Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E na provincia de Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.