Inicio

O presidente da Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia asegura que a rehabilitación nos balnearios é moito máis eficaz e económica que nos hospitais

Lembra que as prácticas hidrolóxicas con finalidade curativa mantéñense en Galicia dende a época romana

O doutor imparte esta tarde unha conferencia sobre hidroloxía médica, ás 18:30 horas no edificio Roberto Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia organiza hoxe, luns, unha conferencia sobre hidroloxía médica en Galicia na época romana. O experto encargado de impartila será o doutor José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Terá lugar na aula 4 do edificio docente Roberto Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a partir das 18:30 horas.

O doutor iniciará a charla explicando a actividade hidrolóxica no período prerromano, con especial atención aos costumes levados a cabo polos denominados galecos. Estas xentes facían uso dos baños tonificantes en auga de río e en fontes, ademais de alternar o vapor e a auga fría. 

O especialista tamén explicará que dende o século I antes de Cristo ata a metade do século XV practicábase a crenoterapia. Este tratamento aplicado por medio de augas termais naturais realizábase nas chamadas aquas, situadas a carón dos principais camiños feitos polos conquistadores romanos. 

Por outro lado, tamén era habitual o uso de augas non mineromedicinais que se quentaban de maneira artificial para seren empregadas en zonas de baño particulares. Segundo Carro, ”estas termas equivalen hoxe en día aos spas”.

A importancia de que a cura termal sexa recoñecida polo Sergas e a necesidade de que os facultativos se formen en hidroloxía médica

Moitas destas prácticas perduran aínda na nosa sociedade, debido aos seus múltiples beneficios. Así, tal como apunta o doutor, “a hidroloxía médica con finalidade hixiénica e curativa foi apreciada naquela época e permanece viva na actualidade”. Ademais, na opinión deste especialista sería “moi desexable” que as curas termais foran recoñecidas polo Servizo Galego de Saúde e ve “necesario” que os profesionais médicos se formen nesta rama sanitaria. 

A balneoterapia, a calquera idade

Dende a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia tratan de impulsar -tal como explica o seu presidente, o doutor José Carro- a práctica da balneoterapia na sociedade, con independencia do estado de saúde de cada persoa e a calquera idade. “Calquera, aínda que non padeza ningunha enfermidade, debería acudir aos balnearios” -recomenda o experto-. Nesta liña, o doutor cualifica de “acción preventiva” a visita periódica aos centros termais. 

Ademais, o doutor engade que a rehabilitación feita nos establecementos termais é moito máis eficaz e económica que a realizada nos hospitais, en particular a destinada á curación de lesións ou doenzas que afectan ao aparato locomotor.