Inicio

Galicia busca unha oportunidade no termalismo terapéutico con pacientes doutros países

Francia, Italia ou Alemaña recoñecen a cura termal dentro da súa carteira de servizos sanitarios

A Directiva europea de asistencia sanitaria transfronteiriza regula o reembolso dos gastos ao recibir tratamento noutro Estado membro

O curso da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia continúa coas súas sesións formativas. Esta tarde, ás 18:30 horas, celebrarase unha nova xornada no edificio docente Roberto Novoa Santos, anexo ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, achegarase á situación do termalismo na comunidade. E tratará os requisitos que se deben cumprir para que unha auga sexa declarada como mineiromedicinal pola Administración galega, “requisito imprescindible para que un establecemento adquira a condición de balneario” -apunta-.

Amor salienta que Galicia é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais, en canto á súa calidade, cantidade e tamén variedade. E, en consecuencia, con maior tradición no seu uso como augas de bebida envasada e en balnearios. Esta situación deu lugar a unha industria moi activa vinculada á explotación de augas minerais, con 21 balnearios, o 17% do total nacional, e 10 plantas de envasado de auga mineral natural, o 7% das que existen en toda España.

“A lexislación esixe que o uso tópico das augas mineiromedicinais se faga nun balneario debido a que estas augas, aínda que teñen efectos beneficiosos para a saúde, tamén teñen contraindicacións, polo que deben empregarse baixo vixilancia médica e cumprindo os correspondentes controis sanitarios” -remarca Amor-.

A potenciación do termalismo terapéutico conlevaría a diminución do consumo de fármacos e do gasto sanitario

O xerente de Balnearios sinala que o futuro do sector termal galego pasa a curto prazo polo termalismo terapéutico. Trátase de poñer en valor o uso das augas minerais como hábito saudable para promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas a través de tratamentos respiratorios, dixestivos, dermatolóxicos e do aparato locomotor. “A potenciación do termalismo terapéutico conlevaría a diminución do consumo de fármacos e, en consecuencia, do gasto sanitario” -asegura-.

Os balnearios reclaman máis investigación no eido da hidroloxía médica

En relación ao termalismo terapéutico, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia manifesta que cómpre aproveitar a existencia dunha Directiva europea de asistencia sanitaria transfronteiriza. Esta Directiva regula o reembolso dos gastos ocasionados ao recibir tratamento noutro Estado membro e traspúxose ao ordenamento xurídico español en febreiro deste ano. “Supón unha oportunidade para Galicia, xa que en moitos países da Unión Europea como Alemaña, Francia ou Italia recoñecen a cura termal dentro da súa carteira de servizos sanitarios” -indica-.

Deste xeito, os pacientes que proceden destes países poden ser tratados en balnearios galegos, sempre que cumpran unhas determinadas condicións. Así, o tratamento debe ser froito dunha prescrición médica e o servizo que se reciba aquí debe ser o mesmo que o que reciben no seu país de orixe. Isto inclúe só o tratamento, non o aloxamento nos establecementos termais. “Os pacientes pagan no balneario que lles atende e logo a administración sanitaria do seu país reembólsalles a cantidade correspondente” -sinala Benigno Amor-.

Non obstante, o xerente de Balnearios de Galicia manifesta que “para poder atraer a termalistas destes países cómpre realizar un maior esforzo investigador centrado no eido da hidroloxía médica”.