Inicio

Expertos médicos aseguran que os pacientes con problemas de mobilidade logran unha rehabilitación moito máis rápida con terapia termal

Recoméndase para persoas maiores con artrose e para as que sufriron un accidente ou se someteron a unha cirurxía

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde, a partir das 18:30 horas, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, unha nova sesión dirixida a futuros facultativos. Marta Arribas, directora médico do balneario Isla de La Toja, abordará os beneficios da balneoterapia no tratamento de enfermidades reumatolóxicas e da pel.

A doutora sinala que as augas mineiromedicinais están especialmente indicadas para tratar doenzas do aparato locomotor, tanto reumatolóxicas como musculares, en concreto a artrose e a artrite. Explica que “favorecen a mobilización, ao tempo que exercen unha importante acción analxésica e antiinflamatoria”. Salienta que fomentan a mobilidade das articulacións, melloran o estado xeral da musculatura e a circulación.

“O tratamento termal con auga quente unido ao efecto físico dos chorros e das burbullas nas articulacións axuda a que se desinflamen e se alivie a dor” -asegura a doutora-. Nestes casos as técnicas máis recomendadas, ademais dos baños e dos chorros, son os parafangos e as masaxes fisioterapéuticas.

A cura termal recoméndase en particular para persoas maiores que padecen artrose e para as que sufriron un accidente ou se someteron a unha cirurxía, de cara a activar e acelerar a recuperación do sistema óseo e muscular. “A auga termal contribúe a que a rehabilitación sexa moito máis rápida, posto que, como o corpo perde peso dentro da auga, os músculos móvense con maior axilidade” -apunta a doutora-.

As doenzas da pel

Tamén se logran resultados moi efectivos no caso das doenzas da pel como a psoríase, a acne ou a dermatite atópica. “As augas axudan a limpar a pel desas lesións e diminúe o picor asociado ás mesmas” -indica Arribas-.

A doutora destaca que para o tratamento de afeccións dermatolóxicas a auga máis eficaz é a clorurado sódica ou as augas sulfuradas. E a técnica máis recomendada son os barros ou peloides termais, que favorecen a mellora das lesións. Primeiro aplícase o barro, logo retírase e finalmente o paciente pasa á bañeira, de xeito que se consegue un tratamento máis intensivo e concentrado e, en consecuencia, con resultados máis óptimos.