Inicio

Os pacientes máis habituais nos balnearios galegos son mulleres de máis de 60 anos con doenzas reumatolóxicas dexenerativas

Os futuros médicos galegos prepáranse para coñecer que tipos de augas mineiromedicinais son as máis axeitadas para cada enfermidade

Os alumnos da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia participan mañá sábado nunha sesión práctica no balneario de Lugo. Durante a xornada, que se desenvolverá entre as 11:00 e as 18:00 horas, abordarase o tratamento de pacientes reumatolóxicos con balneoterapia. A directora médico do balneario lucense, Ascensión Sánchez, mostraralles aos futuros facultativos como se asiste a estes enfermos.

A doutora Sánchez sinala que para tratar este tipo de doenzas reumatolóxicas as augas mineiromedicinais máis apropiadas son as sulfuradas, pola súa capacidade analxésica, antiinflamatoria e de estimulación da circulación. Salienta que están recomendadas de xeito específico para combater artroses de calquera localización -en xeonllos, cadeiras ou columna-, lumbalxias, ciáticas e as habituais dores musculares no pescozo. No caso da reparación de tecidos brandos están indicadas para tratar tendinites ou outras inflamacións de tendóns ou articulacións. Ademais, a doutora destaca que se pode abordar a artrite reumatoide xuvenil.

En canto ao tipo de tratamento, a doutora explica que cando o paciente chega ao balneario sométese a un exame médico e o facultativo recoméndalle unha cura individualizada, en función do seu estado xeral e da fase evolutiva da enfermidade reumatolóxica. A balneoterapia baséase en baños (en bañeira normal ou de burbullas), chorros termais ou duchas circulares. Estas técnicas poden completarse coa aplicación de parafangos na zona afectada, xunto con  masaxes e fisioterapia en seco ou en piscina, onde se realizan exercicios de mobilización das articulacións.

Segundo a doutora, o perfil tipo dos pacientes con enfermidades reumatolóxicas nos balnearios galegos son mulleres de máis de 60 anos, con disposición a padecer este tipo de reumatismos dexenerativos.

O grupo de estudantes de Medicina da Universidade de Santiago coñecerá na sesión de mañá sábado as diferentes técnicas de balneoterapia que se aplican no balneario de Lugo e as propiedades terapéuticas das súas augas mineiromedicinais. Ademais, terán a oportunidade de probar os diversos tipos de chorros, baños, piscinas e duchas dispoñibles no establecemento termal.