Inicio

Investigadores galegos melloran doenzas como a fibromialxia mediante a aplicación de peloides termais, lodos naturais sen efectos secundarios

Tamén demostraron a súa eficacia para combater enfermidades da pel, xa que favorecen a rexeneración celular e axudan á cicatrización de feridas e queimaduras

Estes barros terapéuticos empréganse en Galicia nos balnearios de Guitiriz, Isla de la Toja e Compostela

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia organiza esta tarde, ás 18:30 horas, unha conferencia centrada na aplicación dos peloides termais. A investigadora da Universidade de Vigo Lourdes Mourelle abordará, no edificio docente Roberto Novoa Santos, o valor terapéutico destes produtos naturais.  

Os peloides son produtos compostos a base dun compoñente sólido, a arxila, mesturada con auga mineral, do mar e de lagoas salgadas, e con materias orgánicas ou inorgánicas resultantes de procesos biolóxicos e xeolóxicos. Lourdes Mourelle explica que os peloides úsanse en tratamentos terapéuticos en forma de emplastos ou baños para provocar unha acción termoterápica. “Son produtos naturais e terapéuticos moi novidosos que se empregan nos balnearios desde hai poucos anos, creados coas arxilas da máis alta calidade, sen aditivos nin efectos secundarios” -apunta a investigadora-.

Segundo as súas características físico-químicas, cada peloide úsase para uns fins concretos. A investigadora indica que se empregan para tratar problemas reumatolóxicos e dermatolóxicos. Así, os peloides atribuídos a doenzas reumatolóxicas aplícanse con cataplasmas grosas a unha temperatura elevada para abordar artroses, artrites, a fibromialxia ou mesmo lesións deportivas.

No caso de patoloxías na pel, a investigadora apunta que se aplica unha fina capa de peloide, a temperatura ambiente, sobre a zona que se vai tratar para combater a psoríase, a acne ou a dermatite atópica en nenos. “Ofrecen unha sensación calmante e favorecen a rexeneración celular da pel, e mesmo axudan á cicatrización de feridas e queimaduras” -asegura Mourelle-.

No desenvolvemento deste produto colaboran investigadores das universidades de Vigo e A Coruña. Os grupos de investigación do Departamento de Física Aplicada da UVigo e do Departamento de Medicina da UDC crearon unha empresa de base tecnolóxica, Peloides Termales, co obxectivo de sacar un peloide ao mercado.

Colaboración con balnearios de Galicia, Andalucía, Estremadura, Castela-León e Portugal

Na actualidade a Universidade de Vigo colabora co balneario Isla de La Toja na realización de estudos que corroboran os beneficios terapéuticos dos peloides e tamén na fabricación do produto. Ademais, están a traballar co balneario de Guitiriz con resultados óptimos para tratar dermatites e iniciaron os trámites para comezar a fase de investigación no balneario de Compostela. Tamén colaboran con establecementos termais doutros puntos de España (en particular de Andalucía, Estremadura e Castela-León) e de Portugal.