Inicio

Os médicos de familia deben coñecer as características das augas dos balnearios galegos para poder prescribir aos seus pacientes as que mellor se adapten a cada patoloxía

Os centros termais da comunidade combinan diversos tipos de augas, aumentando os seus efectos sobre o organismo

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, unha nova sesión dirixida a futuros facultativos. A doutora Laura Gómez San Miguel, directora médico do balneario de Mondariz, dará a coñecer os distintos tipos de augas mineiromedicinais que existen nos centros termais galegos en función da súa composición química, e para que doenzas está indicada cada unha.

Laura Gómez sinala que as augas mineiromedicinais son “axentes terapéuticos” cun mecanismo de acción definido que producen un efecto concreto sobre o organismo, axudando á prevención de certas enfermidades, sobre todo a nivel musculoesquelético, como pode ser a artrose, e á mellora de problemas respiratorios e da pel. “Estes efectos terapéuticos desencadean unha serie de indicacións específicas segundo a tipoloxía da auga, que se pode aplicar por vía oral ou tópica” -explica-.

A doutora salienta a importancia de que os médicos de familia teñan constancia das características das augas dos balnearios da comunidade, co fin de poder prescribir aos seus pacientes as que mellor se adapten a cada patoloxía. “Os estudantes de Medicina que asisten a estes relatorios e sesións prácticas deben coñecer as diferentes augas mineiromedicinais, os seus efectos e indicacións para poder prescribir nun futuro aos seus pacientes a cura termal idónea” -destaca-. Nesta liña, a doutora manifesta que as augas mineromedicinais son un “bo complemento aos tratamentos médicos convencionais”.

Galicia posúe 7 dos 8 tipos de augas medicinais que existen

Os balnearios galegos presentan todos os tipos de augas, a excepción das  sulfatadas, e están especializados, na súa maioría, no tratamento de doenzas reumatolóxicas, dermatolóxicas, respiratorias e do aparato dixestivo. Así mesmo, están indicadas para abordar enfermidades cardiovasculares, renais, hepáticas, do sistema endocrino e mesmo trastornos de carácter psiquiátrico. A maioría dos balnearios teñen unha auga que combina distintos compoñentes minerais, enriquecendo o seu efecto terapéutico sobre o organismo dos pacientes.

A doutora explica que existen oito tipos de augas mineiromedicinais en función do seu contido de elementos minerais, que lle outorgan certas propiedades con determinados efectos terapéuticos. Así, as bicarbotanadas por administración oral teñen poder alcalinizante, con efecto antiacedo, aliviando problemas gástricos (gastrite), intestinais, hepáticos e renais; e por vía tópica son augas con efectos antiinflamatorios que axudan a tratar as patoloxías reumatolóxicas. As augas cloruradas teñen efectos analxésico, antiinflamatorio ou sedante para os problemas do aparato locomotor como a artrose ou artrite, e un poder cicatrizante para combater problemas dermatolóxicos como os eccemas.

Por outro lado, as augas sulfatadas actúan sobre o aparato dixestivo e están indicadas para combater afeccións hepáticas, cunha notable acción laxante e diurética. As sulfuradas úsanse para tratar problemas respiratorios e afeccións alérxicas; destaca en particular a súa acción mucolítica, cicatrizante e antioxidante.

As augas ferruxinosas favorecen a rexeneración de glóbulos vermellos, polo que se empregan para combater certas anemias

As augas carbogaseosas exercen un efecto sedante e analxésico, ao tempo que estimulan a motilidade intestinal. As augas ferruxinosas favorecen a rexeneración de glóbulos vermellos, polo que se empregan para combater determinadas anemias. As radiactivas resultan moi beneficiosas para o tratamento de contracturas musculares polo seu efecto relaxante, cun aplicación por vía tópica,  e por vía oral están indicadas pola súa acción diurética e de choque contra a aparición do ácido úrico. Por último, as oligometálicas son diuréticas, de interese para tratar afeccións renais.