Inicio

Os balnearios galegos ofrecen un tratamento integral con bañeiras, chorros e duchas, acompañado de fisioterapia, consellos de nutrición e exercicio físico

Expertos médicos indican a cura termal para previr e solucionar problemas músculo-esqueléticos, reumatolóxicos, traumatolóxicos ou resolver situacións de estrés

Alumnos de Medicina da Universidade de Santiago asisten mañá a unha sesión práctica no balneario de Mondariz

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, mañá sábado celébrase no balneario de Mondariz unha nova xornada práctica dirixida a futuros facultativos. A doutora Laura Gómez, directora médico do balneario, abordará o manexo integral do paciente nun centro termal. A sesión celebrarase entre as 10:30 e as 17:00 horas.

A xornada terá unha parte teórica onde a doutora falará sobre a importancia de tratar ao paciente nun balneario de forma integral. “A auga mineromedicinal combínase con outros tratamentos como a fisioterapia, a nutrición, o deporte para a recuperación física, a relaxación ou actividades de lecer, coa finalidade de alcanzar un resultado óptimo e saudable para os pacientes” -explica Gómez-.

Un equipo multidisciplinar consulta nos balnearios

Nesta liña, a doutora salienta que nun balneario debe prescribirse un “tratamento personalizado segundo as necesidades de cada paciente”. Para conseguir a efectividade deste tratamento integral, o paciente pasa unha consulta médica ao chegar ao centro termal, onde o profesional sanitario lle prescribe o seu plan personalizado, cun número concreto de días.

O tratamento executarase seguindo unhas técnicas de aplicación a base de bañeiras con auga mineiromedicinal, chorros, duchas, inhalacións e parafangos. Estas técnicas acompáñanse doutros procedementos dirixidos por un equipo multidisciplinar, composto polo médico, fisioterapeuta, recuperador físico e auxiliares termais.

O manexo do paciente nun balneario pode diferenciarse segundo o seu carácter preventivo ou curativo. A doutora Gómez indica que as persoais máis novas adoitan visitar un balneario para previr problemas traumatolóxicos ou resolver períodos de estrés. Non obstante, as persoas máis maiores aproveitan a súa estancia para tratar patoloxías músculoesqueléticas, reumatolóxicas -como artroses ou fibromialxias- e traumatolóxicas, en particular problemas de cadeira ou de xeonllos.

Na parte práctica, os estudantes comprobarán a aplicación dos diferentes tratamentos probando os utensilios que se empregan nos procesos termais. Ademais, analizarán catro casos clínicos sobre osteoartrose xeralizada, postoperatorio de rotura do ligamento cruzado de xeonllo, problemas respiratorios e un caso de rinite alérxica infantil.