Inicio

Oito establecementos termais integrados na Asociación de Balnearios de Galicia posúen a “Q” de Calidade Turística, que aporta prestixio e fiabilidade

Na Coruña son os de Carballo e Brión; en Lugo Guitiriz e Termas Romas; en Ourense Arnoia, Laias e Lobios; e en Pontevedra Termas de Cuntis

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Laias (no concello ourensán de Cenlle) acolle mañá sábado unha sesión sobre a importancia da calidade e a hixiene nos establecementos termais, entre as 10:30 e as 18:00 horas. Un grupo de futuros médicos da Universidade de Santiago, que se están a formar na cura termal, coñecerán as medidas que adoptan os balnearios nestes eidos.

A primeira hora da mañá os alumnos realizarán unha visita ás instalacións do balneario. Logo a doutora Dolores Fernández Marcos, directora médico de Caldaria Termal -que integra os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios-, abordará as vantaxes de implantar un sistema de xestión da calidade nun centro termal. Pola tarde, os futuros facultativos participarán nunha sesión práctica, na que terán a oportunidade de coñecer como se aplican as diferentes técnicas hidrotermais, destinadas a previr ou tratar determinadas doenzas.

Tal como explica a doutora, “a finalidade deste encontro é dar a coñecer aos estudantes de Medicina o concepto de calidade aplicada de xeito específico aos balnearios”. Nesta liña, afondarase nunha serie de ferramentas nacionais e internacionais que se teñen desenvolto neste ámbito como son as normas ISO e as UNE, que “proporcionan unhas guías para unha mellora continua”.

Ao longo da xornada informarase sobre a importancia de posuír unha Certificación de Calidade tanto a nivel interno para a xestión e organización operativa como a nivel externo, xa que “é unha esixencia para ter relacións con determinadas institucións e empresas que son vitais para o sector termal” -salienta Marcos-.

A doutora destaca en particular a relevancia de que os balnearios estean certificados pola “Q” de Calidade Turística, a distinción que avala a calidade no sector turístico español. Outórgaa o Instituto para a Calidade Turística Española e apórtalle aos establecementos que a ostentan prestixio e fiabilidade. É froito de estritas auditorías anuais, que certifican a prestación dun servizo con garantía de máxima seguridade e profesionalidade. A marca, que se renova cada tres anos, “proporciona unha vantaxe competitiva”, sinala a doutora, quen asegura que “cun sistema de xestión de calidade conséguese un traballo máis organizado, posto que cómpre seguir unhas condutas mínimas e tratar de ir mellorándoas”.

A “Q” de Calidade Turística favorece a satisfacción dos clientes

“A finalidade é lograr a satisfacción dos usuarios, incrementar o número de clientes, conseguir a súa fidelización, mellorar todos os procesos de traballo e abrir novas oportunidades no mercado” -manifesta a doutora Dolores Fernández Marcos-. Indica que a marca supón unha motivación para os profesionais que traballan nos balnearios, ao tempo que se optimizan os recursos, coa consecuente diminución dos custos económicos. 

Na comunidade galega posúen a “Q” de Calidade Turística oito balnearios integrados na Asociación de Balnearios de Galicia. Na provincia da Coruña o balneario de Carballo e o de Compostela (no concello de Brión). Na provincia lucense os balnearios de Gutiriz e Lugo. En Ourense os de Arnoia, Laias e Lobios. E en Pontevedra Termas de Cuntis.

Ao longo da xornada tratarase tamén a hixiene nos balnearios, en concreto as condicións que deben cumprirse de cara á mellor protección e aproveitamento posible das augas. E prestarase especial atención ás zonas que deben protexerse preto dos mananciais, xunto cos puntos críticos que deben someterse a coidados máis rigorosos nos balnearios.