Inicio

Os balnearios e talasos galegos presentan en París as súas ofertas para os visitantes franceses

O Clúster Turístico Termal de Galicia participa estes días en Thermalies, a feira do sector que se celebra cada ano en Francia

A Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -AEITEGAL- está a participar estes días en Thermalies, a feira internacional de termalismo que cada ano se celebra en Francia. O salón estase a desenvolver en París, dende o 23 e ata o 26 deste mes. Durante o evento diversos balnearios e talasos galegos están a presentar as súas ofertas especiais dirixidas aos visitantes franceses.

Nesta iniciativa participan o Balneario de Compostela, situado na localidade coruñesa de Brión; os balnearios de Guitiriz e Lugo, na provincia lucense; o de Laias, que se atopa na localidade ourensá de Cenlle; e os balnearios de Cuntis e Hesperia Isla de La Toja, na provincia de Pontevedra. Ademais, mostra as súas propostas nesta feira o Talaso Atlántico, situado na localidade pontevedresa de Oia.

Os balnearios e talasos galegos integrados nesta experiencia propoñen aos turistas franceses gozar dos encantos e da gastronomía de Galicia a través dos establecementos termais. Nesta liña, ofrecen programas de 5 días e 4 noites, a prezos que se sitúan nos 380 euros de media. E, por outro lado, suxiren estadías de 10 días e 9 noites a un prezo medio duns 920 euros. Todas as ofertas inclúen un completo programa termal. E tamén se recomenda unha visita á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Tal como xa se fixo na pasada edición de 2013, os balnearios e talasos galegos presentan en Thermalies unha proposta conxunta coa maiorista Viajes Paco. Ofrécese un paquete que inclúe viaxe de avión dende Francia e coche de alugueiro para desprazarse pola comunidade galega.

Posibilidade de realizar proxectos conxuntos co sector termal francés

Tal como resalta o secretario tesoureiro da AEITEGAL, Benigno Amor, ao longo destes días numeroso público está a acudir ao stand da Axencia Turismo de Galicia para interesarse pola oferta de balnearios e talasos da comunidade. Os visitantes tamén se mostran atraídos por Santiago de Compostela, a cidade galega máis coñecida entre os cidadáns franceses. E ademais preguntan polas posibilidades de viaxar a Galicia en voo directo.

Por outro lado, Amor manifesta a relevancia desta feira de cara a establecer encontros con representantes de balnearios, non só franceses, senón tamén doutros puntos de Europa. Nesta liña, o voceiro dos balnearios e talasos galegos mantivo contactos con empresarios e profesionais vencellados aos principais destinos termais franceses (Dax e Vichy) e ingleses (Bath). E reuniuse con representantes dos clústeres termais das rexións francesas de Aquitania e Auvernia, cos que se está a avanzar na posibilidade de desenvolver proxectos conxuntos.

Tal como resalta o secretario tesoureiro da AEITEGAL, Benigno Amor, e segundo un estudo de Turespaña, “no relativo á oferta de turismo de saúde por comunidades autónomas, Galicia ocupa o primeiro posto en canto a instalacións balnearias e o quinto lugar en centros de talasoterapia”.

A AEITEGAL está integrada por 18 balnearios e 3 talasos, xunto con outras empresas e entidades vencelladas ao sector

A AEITEGAL constitúese en 2010, promovida pola Asociación de Balnearios de Galicia. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo; e de Segittur, Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas. Está integrada por 65 entidades privadas e públicas vencelladas ao termalismo. Trátase de balnearios, talasos, envasadoras de augas minerais naturais, axencias maioristas, entes de promoción e distintos provedores de produtos e servizos. Como socios institucionais destacan a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas, ademais de asociacións, concellos e vilas termais.