Inicio

Os pensionistas que desexen participar no Programa de Termalismo Social do Imserso entre febreiro e agosto poderán solicitalo ata o 16 de xaneiro

Colaboran 15 establecementos de Balnearios de Galicia, 6 en Pontevedra, 5 en Ourense, 2 en Lugo e 2 na Coruña

Os usuarios poderán gozar de estadías de 12 días e 11 noites ou de 10 días e 9 noites, a prezos moi reducidos

Acaba de abrirse a convocatoria para participar no Programa de Termalismo Social do Imserso para o vindeiro ano. Os pensionistas que desexen participar nesta iniciativa e opten por presentar as solicitudes por vía telemática poderán facelo ao longo desta semana a través da sede electrónica do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso).

Galicia é unha das comunidades autónomas que ofrece un maior número de prazas no marco deste programa e con máis balnearios partipantes. Colaboran 15 establecementos da Asociación de Balnearios de Galicia. Trátase dos balnearios de Carballo e Compostela (Brión), na provincia da Coruña; Guitiriz e Termas Romanas, en Lugo; Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios e O Carballiño, en Ourense; Acuña e Dávila (ambos en Caldas de Reis), Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui e o Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, na provincia de Pontevedra.

As estadías son de 12 días e 11 noites, aínda que se pode optar por unha duración máis reducida, de 10 días e 9 noites. As tarifas, moi accesibles, varían en función do establecemento hoteleiro e das características de cada balneario.

O prazo para a presentación das solicitudes para as quendas de febreiro a agosto remata o 16 de xaneiro de 2014. E para as quendas de setembro a decembro conclúe o 16 de maio. Os interesados que presenten a súa solicitude fóra de prazo incluiranse nunha lista de espera. Para a adxudicación das prazas o Imserso aplica un baremo, no que ten prioridade o grao de necesidade de recibir os tratamentos termais, a situación económica e a idade dos solicitantes. Tamén se valora que sexan membros dunha familia numerosa e que non teñan participado no programa nos dous últimos anos.

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, lembra que “este programa diríxese a pensionistas maiores de 60 anos e a todos os pensionistas de xubilación e invalidez que necesiten os tratamentos termais que proporcionan os balnearios. Trátase, en particular, de combater a reuma; a artrose; as afeccións dos aparatos respiratorio, dixestivo, renal e das vías urinarias; os problemas da pel e ata trastornos vinculados ao sistema nervioso”.

Tratamento médico e actividades de lecer

O programa ofrece tratamentos termais básicos, que inclúen o recoñecemento médico e a prescrición do tratamento por parte do facultativo do balneario, a súa aplicación e posterior seguimento médico. Proporciónase ademais aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en habitacións dobres de uso compartido. E realizaranse actividades de animación destinadas a este colectivo.

O programa ten un presuposto de 35.577.750 euros e xera cada ano preto de 3.000 empregos directos

No conxunto de España existen na actualidade un total de 117 balnearios, dos cales 104 están asociados a este programa, cuxo presuposto para o vindeiro ano ascende a 35.577.750 euros, 1.330.170 euros máis que a cantidade correspondente á presente edición.

Por outro lado, o Programa de Termalismo Social do Imserso representa un importante xacemento de emprego. En 2013 ofrecéronse un total de 206.000 prazas nos balnearios, e grazas a este programa estímase que se xeneraron nos propios establecementos termais 2.956 empregos directos e 14.780 postos de traballo de xeito global.

Os interesados en participar neste programa poden obter os impresos de solicitude de praza e recibir máis información na páxina web www.imserso.es.