Inicio

Os balnearios e talasos galegos presentan as súas ofertas para as festas de Nadal, Fin de Ano e Reis, con programas especiais para familias e nenos

Nalgúns casos os menores de ata 12 anos poderán gozar de todos os servizos de xeito gratuíto, incluído o aloxamento

Os balnearios e talasos integrados na Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -AEITEGAL- ofrecen unha serie de propostas e experiencias para as festas do Nadal. Trátase de que as familias, os máis pequenos, grupos e persoas de todas as idades teñan unha opción diferente para gozar destes días.

Na provincia da Coruña o balneario da AEITEGAL que conta cun programa especial para estas datas é o de Compostela (Brión); en Lugo o Balneario de Guitiriz; en Ourense o de Laias (no concello de Cenlle); e na provincia de Pontevedra o Gran Hotel La Toja, o Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja e o Balneario de Mondariz, xunto cos talasos Louxo La Toja e Talaso Atlántico (situado no concello de Oia). Ademais, para pasar unha mañá ou unha tarde en familia, tamén estará aberto ao público o circuíto lúdico-termal Acquaform de Termas de Cuntis, o Palacio da Auga de Mondariz e a Casa da Auga da Coruña.

Para a celebración da Noiteboa e do Nadal os establecementos termais e de talasoterapia ofrecen ceas especiais, aloxamento e programas de lecer e relax nas súas augas, con circuítos singulares. Nalgúns casos os nenos menores de ata 12 anos poderán gozar de todos os servizos de xeito gratuíto, incluído o aloxamento. Tamén haberá actuacións musicais e baile.

No caso da noite de Fin de Ano, os balnearios e talasos teñen ofertas específicas. Ademais da habitual cea de gala e do cotillón, con festas baile, os usuarios terán a oportunidade de acudir a sesións termais e de auga mariña. Os almorzos de Aninovo tamén terán as súas particularidades. Para esta festividade os nenos gozarán de tarifas especiais. E algúns establecementos obsequiarán aos seus usuarios con bonos regalo que lles permitirán desfrutar dunha estadía nun balneario durante o vindeiro ano.

E para a noite de Reis ofreceranse así mesmo ceas baile, aloxamento e tratamentos termais moi particulares. Os balnearios e talasos teñen planificados diversos programas de lecer e actividades para os maiores e tamén para os máis pequenos da familia.