Inicio

O termalismo galego é líder nacional, co 20% dos balnearios e prazas hoteleiras do sector, que gozan 150.000 usuarios cada ano

A ocupación foi do 70% en xullo, 75% en agosto e 80% en setembro e aumenta o número de familias e parellas

O Imserso recibirá a Medalla Balnearios de Galicia polos 25 anos do seu Programa de Termalismo Social

A Asociación de Balnearios de Galicia está a participar en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal que estes días se celebra en Expourense. Durante a súa intervención esta mañá, o xerente da Asociación, Benigno Amor, anunciou a concesión da VIII Medalla Balnearios de Galicia ao Imserso “por ter contribuído ao rexurdimento do termalismo en España e en Galicia a través do seu Programa de Termalismo Social”, que cumpre 25 anos. O acto de entrega deste galardón terá lugar no transcurso dunha xornada sobre “Turismo sénior e envellecemento activo”, o vindeiro 4 de outubro no balneario de Lugo.

En Termatalia Amor resaltou que Galicia é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais. Posúe máis de 300 mananciais de augas mineiromedicinais, que explotan 10 plantas de envasado de auga mineral natural e 21 balnearios. “Unha particularidade destas industrias é que están a crear riqueza no interior da comunidade, na súa maioría zonas rurais caracterizadas pola despoboación, baixa renda per cápita e predominio do sector primario” -afirmou-.

Os 21 balnearios galegos reciben cada ano ao redor de 150.000 usuarios, o que converte a Galicia en destino termal de referencia en España, seguida a certa distancia por Cataluña e Aragón. Representan o 20% dos establecementos e prazas hoteleiras do sector no conxunto nacional. “Estes datos sitúan a Galicia na única comunidade autónoma cunha oferta termal consolidada e coa posibilidade de atraer clientes internacionais” -manifestou o voceiro dos balnearios-.

O perfil dos usuarios dos balnearios galegos

Os establecementos integrados na Asociación de Balnearios de Galicia tiveron “unha boa ocupación este verán, tendo en conta a situación de crise actual”. Alcanzouse o 70% no mes de xullo, o 75% en agosto e o 80% en setembro.

O 40% dos usuarios son galegos. De Madrid procede o 19%, de Castela-León o 12%, de Asturias o 10%, de Cataluña o 8%, doutras comunidades o 5% e o 6% restante chega do estranxeiro. A idade dos visitantes sitúase entre os 35 e os 55 anos. “A media de idade baixou porque aos balnearios xa non acoden só os pensionistas, senón que cada vez hai máis parellas e familias” -asegurou Amor-.

Segundo informan dende a Asociación, ao igual que acontece no resto do sector turístico, as reservas fanse cada vez máis tarde. E estase a detectar un descenso nos servizos contratados; búscanse máis os paquetes. Por outro lado, en 2012 empezou a baixar o gasto medio por visitante, que se mantivo ao longo deste ano.

Unha maior preocupación pola saúde e a calidade de vida

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia declarou que “o sector termal galego está a vivir unha etapa de renacemento e popularización, grazas a unha maior preocupación pola saúde e pola busca dunha boa calidade de vida, unidos a unha oferta variada e a unha demanda desestacionalizada”. E apuntou que se está a traballar en aspectos como a defensa dos acuíferos de auga mineral a través da vixilancia dos seus perímetros de protección, na loita contra a competencia desleal, na inclusión dos tratamentos terapéuticos dos balnearios na carteira de servizos de Sanidade, así como na posta en valor da cultura termal e no aproveitamento das novas tecnoloxías para a promoción do sector.

A Asociación está integrada por un total de 19 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo o de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia de Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E na provincia de Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.