Inicio

Representantes da principal petroleira e do máis importante grupo bancario de Francia, xunto con xornalistas do país, visitan esta semana os balnearios galegos

Visita de prescritores franceses aos balnearios galegosÉ unha “oportunidade única” para promocionar Galicia como destino turístico de saúde entre o mercado francés

A Asociación de Balnearios de Galicia, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, está a promover unha serie de iniciativas destinadas a atraer turistas procedentes doutros países e doutras comunidades autónomas. Nesta liña, esta semana visitan os balnearios galegos e lugares emblemáticos da nosa xeografía un grupo de prescritores franceses.

 

O colectivo está integrado polas presidentas do departamento de viaxes de dous dos grupos máis influentes de Francia. Trátase, por un lado, do Grupo Total, primeira petroleira do país e cuarta en todo o mundo, que abrangue ademais o sector do gas e o químico, con presenza en máis de 130 países. Por outro lado, o banco Crédit Agricole, o maior grupo bancario minorista en Francia, o segundo de Europa e o oitavo máis grande a escala mundial.

Nesta visita participan tamén dúas xornalistas, unha da revista TourMag, dirixida a profesionais do turismo, en particular axencias de viaxes. E a outra da publicación Notre Temps, enfocada ao público sénior, con especial atención aos temas de viaxes e de saúde, e na que se abordan doenzas que se tratan nos balnearios como a fibromialxia ou os reumatismos.

Un grupo con moita influencia sobre miles de potenciais visitantes

O secretario da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña, explica que con esta “viaxe de familiarización” dirixida a prescritores franceses do segmento do turismo sénior búscase dar a coñecer os balnearios galegos e todo o que Galicia ofrece aos visitantes estranxeiros. Nesta liña, resalta que “tanto a petroleira como o grupo bancario que participan nesta experiencia organizan viaxes para os seus miles de asociados e as revistas están moi enfocadas ao turismo. Deste xeito, a través desta iniciativa coñecerán, ademais dos nosos balnearios e os tratamentos que ofrece cada un, a cultura, o patrimonio, a paisaxe e a gastronomía de Galicia”.

“É unha oportunidade única para atraer cara a Galicia a futuros turistas franceses. É unha maneira moi interesante de que persoas tan inflluentes sobre moitos potenciais visitantes valoren in situ as posibilidades que Galicia lles brinda no seu conxunto e os seus balnearios en particular” -manifesta Luaña-.

O Goberno francés subvenciona os tratamentos nos balnearios

Segundo Luaña, Francia demanda un turismo de saúde con estancias en balnearios para recibir tratamentos curativos, de relax e de lecer. Pero, ademais, requiren que esta oferta termal se complemente con experiencias de ocio e visitas a lugares de interese no contorno destes establecementos, excursións que en boa parte dos casos se organizan dende os propios balnearios.

Luaña lembra que en Francia a Seguridade Social subvenciona os tratamentos nos balnearios aos pacientes que teñen que recibilos por prescrición médica, de xeito que no país existe unha importante cultura balneoterápica. “Neste senso, os potenciais visitantes franceses queren coñecer novos destinos vinculados ao termalismo e Galicia, xunto coa calidade das súas augas mineiromedicinais, dispón de instalacións modernas e innovadoras” -asegura-.

Visita aos balnearios de Compostela, La Toja, Laias, Lugo, Guitiriz e Cuntis e aos lugares máis emblemáticos de Galicia

Un guía da empresa Viajes Paco, que colabora nesta iniciativa, acompaña ao grupo no seu percorrido por Galicia, ao tempo que manteñen encontros cos directores e responsables médicos dos balnearios que visitan. O itinerario, que comezou este luns e remata mañá venres, estaos a levar polos balnearios de Compostela (Brión), o Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, o balneario ourensán de Laias (Cenlle), o balneario de Lugo, o de Guitiriz e Termas de Cuntis. Ademais de coñecer as instalacións destes centros termais, terán a oportunidade de recibir diversos tratamentos. E están a percorrer lugares emblemáticos da comunidade como a cidade de Santiago de Compostela, a Illa da Toxa, a Ribeira Sacra ou a Coruña.

Tal como manifesta o secretario da Asociación de Balnearios de Galicia, o grao de satisfacción do grupo está a ser moi positivo. “Están a quedar moi impresionados polas instalacións e polos tratamentos termais que se aplican nos nosos balnearios e pola riquieza paisaxística, cultural e gastronómica da nosa terra” -afirma Rafael Luaña-.

“Esta experiencia repercutirá de maneira moi positiva no sector termal galego e no sector turístico en xeral, posto que a comunidade como destino turístico ten moito que ofrecer” -salienta Luaña-. Tal como informan dende a Asociación de Balnearios de Galicia, está previsto repetir esta acción cun grupo de prescritores españois, tamén vinculados co turismo sénior, no vindeiro mes de setembro.