Inicio

Un facsímile do século XVIII destaca o valor terapéutico das augas mineiromedicinais procedentes dos mananciais galegos

Presentación do facsímileSobresaen doce fontes, algunhas aínda en uso como as de Caldas de Reis, Cuntis, Caldelas de Tui ou O Carballiño

O balneario ourensán de Laias acolleu esta mañá a presentación do libro “Historia universal das fontes minerais de España. Tomo I”. Trátase dun facsímile da obra do médico Pedro Gómez de Bedoya y Paredes, un dos pioneiros e máis recoñecidos estudosos das augas mineiromedicinais no século XVIII. Chegado de Madrid, onde atendía á Familia Real, foi o primeiro médico do cabido compostelán e o primeiro catedrático de Cirurxía e Anatomía da Universidade de Santiago.

A Universidade de Vigo decidiu reeditar esta publicación debido á súa contribución aos avances da hidroloxía médica, ademais na actualidade resulta moi difícil atopar algún exemplar da mesma. O encargado de presentala foi o profesor Luís Rodríguez Míguez, médico especialista en termalismo. Interviron tamén José Luís Legido e Lourdes Mourelle, do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; xunto co director xerente do Grupo Caldaria, Javier Soto.

A publicación recolle os mananciais máis relevantes da época e as funcións terapéuticas das súas augas. Nesta recompilación sobresaen doce fontes galegas de augas mineiromedicinais, algunhas delas aínda en uso como as de Caldas de Reis, Cuntis, Caldelas de Tui ou O Carballiño. Segundo as palabras do autor, “en solo el Reyno de Galicia se hallan más fuentes minerales que casi en el resto de los demás que componen la Corona de España”.

Na presentación o profesor Míguez explicou que a obra completa de Gómez de Bedoya consta de seis volumes, dos que só se publicaron os dous primeiros, entre os anos 1764 e 1765. Gómez de Bedoya enviou cartas a máis de 3.000 médicos e farmacéuticos cun cuestionario para que o axudasen no seu proxecto e custeoulles viaxes por toda España a dous médicos durante un ano. “Os datos recollidos nesta publicación son de extraordinario valor”, manifestou o profesor, quen salientou que Gómez de Bedoya foi o impulsor deste tipo de estudos no eido da hidroloxía médica no noso país.

Na obra sinálanse os lugares nos que se atopan as fontes, como se descubriron, o seu estado de conservación e o uso que se facía delas. Tamén aparecen os resultados das análises das súas augas, as súas propiedades, o xeito de administralas, ademais dos efectos negativos que o seu abuso provocaba no organismo. Trátase en todos os casos de augas con indicacións terapéuticas.

As augas había que tomalas nunha cantidade e a unha hora determinada para que fixeran o efecto desexado

Tal como comentou o profesor Míguez, Gómez de Bedoya posuía unha adega con augas de todas as fontes mineiromedicinais coñecidas na época no territorio nacional. Así, catalogou os diferentes tipos de augas, entre as que el mesmo destacaba as de Ourense.

Tal como se reflicte na publicación, daquela as augas recomendábanse para tratar enfermidades da cabeza e do estómago, aos hipocondríacos, a melancolía, a debilidade de memoria, as doenzas cardíacas ou as dores lumbares, entre outras afeccións. Segundo explicou o profesor, para que fixeran o efecto desexado indicábase que había que tomalas cunha orde e un método, nunha cantidade e a unha hora determinada.

Dende a Asociación de Balnearios de Galicia apuntan que o futuro do sector termal na comunidade pasa por atraer visitantes estranxeiros

Na súa intervención, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, afirmou que o futuro do sector termal na comunidade pasa por atraer visitantes internacionais. Nesta liña, fixo referencia á Directiva europea de asistencia sanitaria transfronteiriza, que regula o reembolso dos gastos ocasionados ao recibir tratamento noutro Estado membro. “Supón unha oportunidade para Galicia, xa que en moitos países da Unión Europea os tratamentos en balnearios están incluídos dentro das prestacións da Seguridade Social” -apuntou-.

Pola súa parte, o director xerente do Grupo Caldaria, Javier Soto, manifestou que “dende os establecementos termais galegos búscase a protección dos acuíferos dos que proceden as augas mineiromedicinais dos nosos balnearios, de cara a garantir que o recurso chegue aos usuarios no nivel de calidade óptimo”.