Inicio
A Asociación de Balnearios de Galicia elixe a Antonio Garaloces, do Balneario de Lugo, como novo presidente
- Detalles
- Categoría: Balnearios de Galicia
- Published: Xoves, 27 Xuño 2013 09:51
- Visitas: 451
A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a singularidade da oferta termal galega na construción da marca España
A Asociación de Balnearios de Galicia elixiu a Antonio Garaloces, director-xerente do Balneario de Lugo-Termas Romanas, como novo presidente da entidade na asemblea que se celebrou esta mañá na cidade das Murallas.
Durante a sesión se debateu a competencia desleal, o valor da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e o interese polo turismo sénior, entre outros asuntos. Garaloces, que substitúe a Rafael Luaña –director comercial do grupo ourensán Caldaria–, declarou a importancia de que se lle dea un novo pulo ao sector: “Estamos no bo camiño, porque nos últimos anos fixemos esforzos grandes para ir xuntos pola senda da recuperación completa do termalismo de Galicia. Os balnearios renovamos instalacións, melloramos os tratamentos mineiromedicinais e investimos na calidade dos nosos servizos hoteleiros”.
O novo titular da asociación da propiedade balnearia tamén destacou a Cátedra de Hidroloxía Médica, que dirixe o doutor Gestal Otero na Universidade de Santiago, como unha “aposta rigorosa” da asociación pola formación e innovación terapéutica das augas termais. A implantación da cátedra, agrega, favoreceu a creación dunha comisión mixta coa Consellería de Sanidade para estudar a incorporación dos balnearios aos servizos complementarios do Sergas. Ademais, resaltou a presenza “significativa” do sector no Consello de Turismo de Galicia, e engadiu que a oferta termal galega constitúe o produto turístico con maior potencial, tralo Camiño de Santiago, “por tradición e arquitectura, polos seus efectos beneficiosos para a saúde, polo confort e descanso dos termalistas e pola variedade e ubicación dos propios balnearios”.
A asemblea foi clausurada pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, que animou aos balnearios a seguir traballando e subliñou que a singularidade do turismo termal de Galicia é importante na construción da marca España. Tamén indicou que o turismo nacional se estaba recuperando e que o internacional rexistraba un importante crecemento, declaración que Castro apostilou coa relevancia da Cátedra de Hidroloxía Médica e a vocación sanitaria dos balnearios cara a súa internacionalización.
Integrada por 19 balnearios das catro provincias
A Asociación de Balnearios de Galicia naceu en 1985 co obxecto de representar e promocionar o sector termal galego. Un grupo de empresarios reuniuse na illa da Toxa e daquel encontro xurdiu a Asociación, a segunda que se creaba en España.
Na actualidade a Asociación está integrada por un total de 19 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia de Ourense están representados os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.